Site icon Crónica3.com A Mariña

A Fegamp recoñece o impulso da Xunta á ordenación territorial nos concellos

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) quixo hoxe mostrar o seu recoñecemento ao impulso que a Xunta está a dar á ordenación do territorio e a colaboración que para esta tarefa está a exporse aos municipios. A Consellería de Medio Ambiente avanzou onte un plan para elaborar os plans urbanísticos nos concellos de menos de 5.000 habitantes, que facilitará unha clasificación do solo e unha adecuación das normas locais á lexislación vixente.

Para José Manuel Rey Varela, presidente da Fegamp e alcalde de Ferrol, “é unha proposta que saudamos, sempre que se faga de forma consensuada entre a Xunta e os servizos técnicos de cada concello”, xa que permitirá a moitos municipios “acometer unha adecuación legal para a que non sempre se dispón dos recursos económicos e humanos”. “O importante é que a adhesión se realice de forma voluntaria”, engadiu, “mesmo para aqueles concellos que xa estean no proceso de elaboración dos seus respectivos plans xerais”.

“Temos unha materia pendente na lexislación sobre o territorio a nivel municipal”, recoñeceu Rey Varela, “e con esta oferta de Medio Ambiente exponse a posibilidade de ila emendando a medio prazo”. A Fegamp estima que terá unha boa acollida entre os concellos máis pequenos, principalmente das comarcas do interior, “porque é unha axuda a custo cero”.

Segundo Rey Varela, “é un novo exemplo da colaboración entre administracións públicas, que só redunda nuns mellores servizos para os veciños, porque dá máis garantías xurídicas á hora de obter unha licenza e realizar calquera obra”. “Agora que estamos a debater sobre as competencias municipais, o urbanismo é unha de carácter básico de cada concello”, matizou, “e con todo, a Xunta ofrécese a colaborar no seu desenvolvemento”. “É unha boa noticia”, resumiu.

Na actualidade, os concellos sen plan só poden conceder licenzas en zonas categorizadas como solo urbano consolidado, limitando o desenvolvemento dos núcleos rurais. A oferta exposta pola Consellería de Medio Ambiente, Transporte e Infraestruturas procedería a unha delimitación básica dos núcleos de poboación e a unha clasificación dos solos e os seus distintos usos.

Alegacións á reforma local

A Xunta de Voceiros da Fegamp acordou esta mañá convocar para o vindeiro luns a reunión da súa Comisión Executiva, o seu órgano de goberno, co obxectivo de aprobar un documento único de alegacións ao Anteproxecto de Lei de reforma da administración local. Tras unha reunión de dúas horas, os voceiros dos tres principais partidos intercambiaron as súas propostas, coincidindo na posibilidade de alcanzar finalmente un acordo para que o municipalismo galego fale cunha voz única ante a FEMP e o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

Segundo explicou José Manuel Rey Varela, presidente da Fegamp e alcalde de Ferrol, “quero destacar a boa disposición dos voceiros para, aparcando diferenzas partidarias, defender os intereses de Galicia e os seus concellos”.

A falta de concretar o contido definitivo das alegacións, Rey Varela avanzou a reclamación unánime dos grupos para que “o custo estándar dos servizos non se fixe desde o Estado, senón que se faga desde as autonomías”, respectando así as diferenzas sociodemográficas e económicas de cada territorio.

Exit mobile version