Site icon Crónica3.com A Mariña

A moción das preferentes non se aprobou no pleno de Barreiros polos votos en contra do Partido Popular

Despois do pleno celebrado este pasado luns no Concello de Barreiros, a Plataforma de Afectados polas Preferentes e Subordinadas da Mariña queremos comunicar que a nosa moción non foi aprobada polos votos en contra do Partido Popular.

Dende a plataforma parécennos moi lamentables e desafortunadas as declaracións de Fuente Parga, con elas demostra pouca solidariedade co problema que lle afecta a moitos veciños da Mariña en xeral. O noso colectivo solicita varias accións para defender os dereitos dos afectados e sempre buscando a solución máis sinxela e menos agravante para os seus petos xa de por si castigados. A día de hoxe seguimos defendendo a vía arbitral (rápida e gratuíta) pero queremos adiantarnos a unha evidencia que se demostra día a día: só o 30% dos casos foron resoltos por esta vía e os novos laudos caen a contagotas.

Cal será a seguinte solución se a estes milleiros de estafados non os chaman para acudir á vía arbitral? Pois a vía xudicial, que a día de hoxe, estase poñendo costa arriba para o cidadán humilde, traballador e como a maioría dos estafados por preferentes e subordinadas, tamén aforrador.

Neste punto é onde solicitamos a xustiza gratuíta para os afectados, e onde o señor alcalde de Barreiros, coas súas declaracións, demostra descoñecemento do tema. Os argumentos que nos defendemos son os seguintes:

– Non nos parece xusto que se teña en conta o valor das preferentes ou subordinadas para determinar a xustiza gratuíta pois neste momento non se pode acceder a eses cartos.
– Tampouco que os afectados teñan que adiantar unhas taxas inxustas, (parte fixa e parte variable en función da contía a reclamar)
– Esta situación veu dada pola implicación, dalgún xeito, de organismos oficiais, senón na comercialización, si na permisividade ou na falta de control (Banco de España, CNMV, políticos en consellos de administración de caixas de aforro…) e agora, aínda por encima os afectados terán que pagar por recuperar os cartos?
– A gran maioría dos casos afectados son pequenos aforradores que en moitos casos apenas superan os aproximadamente 14.900 €/ano que marca o límite para o acceso á xustiza gratuíta e para os cales suporía un gran esforzo acometer un proceso xudicial (avogado, procurador, taxas).

Con todo isto o alcalde de Barreiros preferiu rexeitar unha medida que favorece a moitos veciños humildes, traballadores e aforradores e poñerse do lado dos que defenden: “a xustiza para quen a poida pagar”.

Recordarlle tamén que tivo na súa man votar a favor deixando constancia da súa opinión, como fixo o alcalde de Foz, e non dar ás costas ós afectados rexeitando a moción.

Por outro lado non somos ninguén para xulgar se unha persoa ten 10.000€ ou 200.000€, nos dous casos puideron ser gañados moi honradamente e a situación persoal de cada quen sábena os propios afectados, e parécenos moi inxusto que se xulgue así sen coñecer nin saber da situación.

As veces dende fóra é moi bonito falar, pero realmente si se coñeceran casos como os que levamos vistos dende a plataforma, habería que pensar algo antes de dicir certas cousas que poden afectar moito a xente que a día de hoxe non resolveu este grave problema e ve como o panorama se complica moito nun futuro moi próximo.

Oxalá ninguén se vexa afectado por unha situación tan tráxica coma a que están a vivir milleiros de persoas nestes momentos que non poden dispoñer dos seus aforros, que na maioría dos casos, lles custou moita suor e traballo ganalos.

Apoio
A Plataforma de Afectados Preferentes e Subordinadas da Mariña queremos comunicar que despois de ser convidados pola Plataforma na Defensa da Sanidade Pública na Mariña, vamos acompañalos o vindeiro sábado día 2 de marzo na cacerolada que teñen prevista para as 12:00h na Praza da Mariña en Burela.

Dende esta plataforma queremos facer un chamamento público a os afectados para que acudan e se unan os compañeiros da plataforma da Sanidade.

Todos estamos loitando polos nosos dereitos, unamos forzas e loitemos polo que é noso, entre todos podemos!

Exit mobile version