Site icon Crónica3.com A Mariña

Susana López Abella presenta en Lugo o VI Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes con 320 actuacións

A201302261704LOPEZABELLAXUNTALUGOSSEN7224.JPG secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou esta mañá en Lugo o VI Plan galego para a Igualdade entre Mulleres e Homes, do que destacou que é o primeiro de “todo o Goberno galego”, nunha clara mostra do apoio da Xunta cara a consecución da igualdade real de oportunidades para as mulleres. Na presentación estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, así como pola subdirectora de Promoción da Igualdade, Carmen Orgeira.

A secretaria xeral de Igualdade explicou as liña xerais do VI Plan de Igualdade ante un nutrido grupo de representantes dos concellos da provincia de Lugo así como das asociacións de mulleres e de empresarios e empresarias das diferentes comarcas que engloba a Delegación Territorial de Lugo.

López Abella asegurou que, pese a difícil situación económica actual, se trata dun plan ambicioso, tanto no número de accións presentadas polo conxunto da Administración galega, como na revisión, actualización e mellora destas cara a ofrecer unha resposta ás demandas sociais actuais e de futuro. Precisamente, máis das tres cuartas partes das actividades do Plan incorporan cambios ou son novas respecto aos anos anteriores.

O VI Plan de Igualdade ten programadas para o período 2013-2015 un total de 320 actuacións, cun orzamento de máis de 220 millóns de euros. Segundo explicou a titular de Igualdade o seu obxectivo é “consolidar os logros xa acadados e, sobre todo, continuar a traballar nos compromisos e retos que aínda quedan por conseguir”.

Así, o plan estrutúrase en seis eixes principais: acción integral para combater a violencia de xénero; mellora da gobernanza a favor da igualdade; cambio de valores e modelos para a igualdade; aproveitamento do talento feminino; conciliación corresponsable e calidade de vida; e participación activa das mulleres na sociedade.

Combater a violencia de xénero

Tal e como explicou a secretaria xeral de Igualdade, a acción integral para combater a violencia de xénero é o eixo que engloba un maior numero de actuacións, con case o 30 por cento das actividades do plan (91). Trátanse de accións de prevención e asistencia integral e coordinada a favor das mulleres vítimas e das persoas ao seu cargo, así como a través do apoio á súa independencia e integración social.

Mellora da gobernanza a favor da igualdade

Na mellora da gobernanza a favor da igualdade, o Plan recolle 50 actuacións e o compromiso polo desenvolvemento da transversalidade de xénero nas políticas desenvolvidas pola Administración galega, no deseño, execución, e seguimento de políticas das que mulleres e homes se beneficien de forma equivalente, contribuíndo ao progreso e benestar do conxunto da sociedade galega.

O Plan recolle a realización dun programa de formación avanzada para os profesionais da Administración autonómica cunha relación máis directa co desenvolvemento da perspectiva de xénero na acción e nos servizos públicos; e o reforzamento do papel dos centros de información ás mulleres como axentes dinamizadores da igualdade entre homes e mulleres no ámbito local.

Cambio de valores e modelos

Neste eixo, o plan contempla 72 actuacións encamiñadas a actividades de difusión, sensibilización e aprendizaxe que sirvan para concienciar a poboación, especialmente á mocidade, sobre a necesidade de comprometerse cun modelo social máis equitativo en xénero e adoptar unha actitude proactiva na súa cimentación por parte de todos e de todas.

Aproveitamento do talento feminino

As actuacións para este eixo van desde concienciar sobre a necesidade colectiva de avanzar nunha plena participación das mulleres no mercado laboral e profesional ata o deseño de axudas que sirvan de estímulo á súa incorporación ao mercado do traballo e á consolidación da igualdade de trato e de oportunidades neste ámbito, pasando pola actualización ou reforzamento das competencias profesionais mediante a formación.

De entre as 53 actuacións contempladas, destacan as liñas de subvencións para a posta en marcha de iniciativas empresariais de mulleres e para a creación de emprego feminino vinculado aos novos proxectos de empresa; o acompañamento en proxectos de renovación e relanzamento empresarial liderados por mulleres que estean orientados ao mantemento da promoción e da competitividade; e o apoio á introdución de melloras innovadoras e creativas nos proxectos de desenvolvemento empresarial liderados por mulleres.

Conciliación corresponsable e calidade de vida

Neste eixo englóbanse 27 actuacións dirixidas a promover unha asunción equilibrada entre ambos sexos dos tempos dedicados ás tarefas domésticas e familiares cos tempos dedicados ao traballo remunerado e á formación, así como ao ocio e á vida social.

Coma actuacións salientables destacan as subvencións destinadas a apoiar a organización de servizos, recursos e actividades complementarias que faciliten a adecuación dos horarios escolares cos horarios laborais das familias; así como á conciliación do exercicio profesional das mulleres emprendedoras e empresarias coa vida persoal e familiar.

Participación activa das mulleres na sociedade

O sexto e último eixo, engloba 27 actuacións dirixidas a facer máis visible a presenza feminina nos diferentes ámbitos da vida pública e social, a través dunha maior difusión das vantaxes da diversidade e da colaboración en igualdade, así como das experiencias e capacidades reais de liderado das mulleres.

Exit mobile version