Site icon Crónica3.com A Mariña

Ábrese o prazo para solicitar praza na escola infantil Galiña Azul de Alfoz

Este xoves 21 de febreiro, ábrese o prazo para solicitar praza nas escolas infantís 0-3 da Rede Galiña Azul. Os requisitos e procedementos para solicitar prazas foron publicados no Diario Oficial de Galicia núm. 33, do 20 de febreiro de 2013.
Segundo a información que facilitou o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, para o curso escolar 2013/2014, poñerase en funcionamento a nova Escola Infantil de Alfoz, integrada na Rede de Escolas Infantís de Galicia “A Galiña Azul”. Será en horario de 7:30 a 18:00 horas, e permanecerá aberta de luns a venres, excluídos os días considerados festivos no calendario laboral e os días 24 e 31 de decembro. O curso dará comezo o xoves, día 5 de setembro.
Os requisitos para ser adxudicatario son:
– Que a crianza estea nada no momento da presentación da solicitude.
– Que teña unha idade mínima de tres meses no momento do ingreso.
– Que non teña cumpridos os tres anos de idade ao 31 de decembro de 2013.
Non obstante, poderá eximirse do límite de idade dos tres anos ás nenas e ós nenos con necesitades específicas de apoio educativo.
Terán prioridade na adxudicación de prazas aqueles nenos e nenas empadroados/as no concello de Alfoz xunto con polo menos un dos proxenitores.
Os interesados poderán solicitar praza a través do modelo normalizado recollido na resolución do 28 de xaneiro de 2013. Presentarase o Anexo I acompañado coa documentación requirida no Anexo II, e demais anexos se proceden, en cada unha das escolas para as que se solicita a praza. Os impresos facilitaranse nos propios centros nos que se solicite praza e nos enderezos electrónicos http://www.igualdadebenestar.org e http://www.escolasinfantis.net.
Para máis información poderán dirixirse á Casa do Concello de Alfoz en horario de 8:30 a 15:00 horas ou no teléfono 982.55.85.81, de luns a venres ou o sábado de 10:00 a 13:00 horas.

Exit mobile version