Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Fuente considera oportuno falar das posibles fusións entre concellos como é o caso de Barreiros e Lourenzá

ALFONSO FUENTE CONSIDERA QUE CHEGOU O MOMENTO DE FALAR DAS POSIBLES FUSIÓNS ENTRE CONCELLOS SIMILARES COMA É O CASO DE BARREIROS E LOURENZÁ. O REXEDOR CRE QUE HAI QUE EXPLICARLLES AOS VECIÑOS EN QUÉ CONSISTEN ESTES LABORIOSOS PROCESOS E COÑECER A SÚA OPINIÓN.

Barreiros, 20 de febreiro de 2013. O alcalde, Alfonso Fuente, considera que chegou o momento de falar das posibles fusións entre concellos similares coma é o caso de Barreiros e Lourenzá. O rexedor di que “non podemos é agardar a ver qué é o que nos impoñen desde Madrid ou que é o que nos impoñen desde outros sitios”.

Fuente Parga sinalou que “isto ben un pouco ao fío do que está a saír estes días deste anteproxecto que quere presentar o goberno central. Hai un tema que está aí e que pode estar encuberto en dito anteproxecto que é a fusión obrigatoria de concellos, ou a fusión xa case por desaparición porque podería chegar a desaparecer algún”.

O alcalde explicou que “retomando unha conversa que mantiven coa alcaldesa de Lourenzá e co alcalde de Trabada falamos dista posible fusión, o de Trabada recoñecía que Trabada ten máis caída cara Ribadeo. Pero este é un tema que non podemos deixar no caixón. Hai que abrir o caixón e falar desta cuestión porque o que sería malo tanto para Barreiros como para Lourenzá é que acabásemos tendo que ser fusionados á forza e sobre todo cun concello de maior entidade. Iso nos levaría a ser unha parroquia dese novo concello. Lourenzá e Barreiros, que teñen unha poboación similar, que estamos pegados e que xa estamos a compartir servizos, ao mellor tiñamos que empezar a falar abertamente disto. Tendo en conta a opinión de todos os veciños. A alcaldesa de Lourenzá fala de facer un referendo e a min iso me parece acertado, nunca facendo nada en contra da opinión dos veciños”.

O rexedor barreirense indicou que “debemos explicarlles aos veciños qué sucede cando se produce unha fusión de concellos, qué pasaría si se fusionasen Lourenzá e Barreiros, qué pasaría si nos unen a un concello coma Foz ou Ribadeo… neste caso case poderíamos falar de absorción. Hai que explicarlles cales son os pros e os contras deste proceso laborioso. Acabamos de ver cómo dous concellos da Coruña xa levan un tempo con todo isto”.

Para Alfonso Fuente Parga “hai que empezar a falar destes temas, non podemos estar máis tempo mirando cara outro lado e cando falo de Barreiros e de Lourenzá tamén haberá que falar doutros moitos concellos na provincia de Lugo. O que non podemos é agardar a ver qué é o que nos impoñen desde Madrid ou que é o que nos impoñen desde outros sitios. Hai que empezar a analizar esta cuestión e ao mellor nós temos tamén solucións moi boas que non nos teñen que explicar desde ningún sitio. Igual somos nós os que temos que dicirlle ao goberno do Estado ou á Xunta miren que nós sí que estamos de acordo, non queremos que nos impoñan nada, nos vamos arranxar aquí, imos suprimir un goberno municipal porque cremos que un é suficiente e deixaremos igual as dúas unidades administrativas para que os veciños non perdan nada e todo iso hai que analizalo. Estamos diante dun proceso lento, pero que hai que abordar e isto é o que eu poño enriba da mesa”.

Exit mobile version