Site icon Crónica3.com A Mariña

Álvaro Santos, José Luis Raposo e Alfredo Llano asumen novas responsabilidades no Goberno Provincial da Deputación

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou hoxe a nova restruturación do Goberno Provincial froito das saídas da Corporación “de ben queridos amigos coma Juan José Díaz Valiño, que o fixo por motivo persoais, e José Ramón Val Alonso, que se incorporou ás listas autonómicas e hoxe é membro do Parlamento”. Gómez Besteiro adiantou os 3 principais cambios que se producen na adscrición de Deputados ás funcións no organismo provincial:

“O novo Deputado delegado da Área de Cooperación e Asistencia ós Concellos será Álvaro Santos, compañeiro de Friol que nos últimos dous anos levou a cabo un magnífico traballo como coordinador das políticas do grupo socialista, a veces un labor moi silencioso porque é interno, co que acadou unha gran experiencia e coñecemento do municipalismo mediante as actuacións levadas a cabo nos 67 municipios da provincia. Trátase dunha persoa moi próximo ós cidadáns e coñecedora do territorio lugués. É Presidente da Asociación Terras de Lugo, un colectivo sen ánimo de lucro, que representa a diferentes axentes da provincia e que promove o desenvolvemento socioeconómico do rural lugués coa execución na actualidade do programa LEADER en colaboración con AGADER, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Álvaro Santos tamén substituirá a Díaz Valiño no Padroado da Fundación TIC, que combina patróns de todos os grupos políticos na institución e profesionais externos á Deputación”.

“José Luis Raposo, un dos Alcaldes máis votado de Galicia tras ganar por maioría absoluta en 7 convocatorias electorais, cunha ampla traxectoria municipal que fixo que hoxe tamén sexa membro da Federación Galega de Municipios e Provincias, será o Deputado Provincial que represente á institución luguesa en importantes organismos como son o Consorcio Provincial de Bombeiros ou o Consello de Administración da Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) que traballa na posta en marcha da nosa rede de residencias e centros de día públicos nos Concellos da provincia”.

“Alfredo Llano, un dos tres mariñáns deste Goberno Provincial, formará parte da macro área que coordina a Vicepresidenta Segunda Lara Méndez, que é a de Emprego, Economía Sostible e Demografía, dende a que se xestionan proxectos europeos de 25 millóns de euros. Llano dirixirá as actuacións que impulsen a economía do coñecemento, emprendedores e innovación, como o programa tecnolóxico Innova-TE , asumindo deste xeito todas as responsabilidade que con anterioridade tiña Val Alonso”.

Patrimonio dos Deputados
O titular provincial avanzou que en marzo publicarase, por 1º vez na historia da Deputación de Lugo, o patrimonio de todos os membros da Corporación Provincial. Trátase dunha proposta de Gómez Besteiro que foi aprobada hai meses polo Pleno Provincial, enmarcada dentro da súa aposta pola transparencia das administracións, que xa fixo posible que, tamén por 1º vez na historia da institución luguesa, as retribucións na Deputación de Lugo estean publicadas en Internet, ó acceso de todos os cidadáns, en www.deputacionlugo.com. A información dos Deputados que se fará pública nas vindeiras semanas é a seguinte: posesión de inmobles urbanos e rústicos; valores mobiliarios; participacións en capital social; depósitos, certificados e seguros de vida; mobles ou enxoval doméstico; vehículos ou embarcacións; e ingresos anuais pola súa actividade. Non obstante, Gómez Besteiro xa ten publicado o seu patrimonio na páxina web do Concello de Lugo, www.concellodelugo.org, como membro de dita Corporación municipal.

Exit mobile version