A Área de Turismo da Deputación sufragou este estudo “que permitirá aproveitar as potencialidades turísticas de Mondoñedo e dirixir con tino todas as iniciativas públicas e privadas para o beneficio do concello” – afirmou Antonio Veiga
O Plan Estratéxico servirá de base para a mellora do rendemento turístico e permitirá actuar de xeito coordinado na procura do máximo beneficio
Lugo, 8 de febreiro de 2013. Esta tarde presentouse na Casa da Xuventude de Mondoñedo o Plan Estratéxico de Turismo de Mondoñedo 2013-2017, un acto que contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, xa que desde esta institución sufragouse os custes de creación do proxecto. Tal e como destacou Veiga “este plan estratéxico permitirá aproveitar as potencialidades turísticas de Mondoñedo, que son moitísimas e enormes, e dirixir con tino todas as iniciativas públicas e privadas para o beneficio do concello”.
Veiga fixo estas declaracións na presentación aos medios de comunicación e aos hostaleiros e público en xeral deste plan, que contou coa participación de Orlando González, alcalde nacionalista de Mondoñedo; Xusto López, concelleiro de Cultura e Turismo de Mondoñedo e persoal encargado da redacción do proxecto. O vicepresidente da Deputación tamén asegurou que “antes de poñer en marcha iniciativas sustentadas con diñeiro público faise preciso estabelecer un plan de acción, que teña en conta as fortalezas e oportunidades turísticas que Mondoñedo posúe, e así facer que os recursos públicos cumpran coa súa función de xeito máis eficiente. Por iso desde a Deputación aportamos esta axuda para elaborar o Plan Estratéxico, porque cremos firmemente que será unha ferramenta que levará a un desenvolvemento turístico acertado para a cidade e o concello de Mondoñedo, polo que se abre unha vía de desenvolvemento económico para o municipio a través da mellora da actividade turística”.
Ademais, Antonio Veiga lembrou que desde a Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo xa se teñen impulsado unha serie de actuacións que supuxeron unha importante mellora dos recursos turísticos do patrimonio inmaterial, entre as que destaca o centro cultural da Alcántara, grazas ao que a cidade conta cun novo espazo de exposición e aproveitamento cultural, educativo e turístico das figuras artísticas máis importantes da historia de Mondoñedo: Leiras Pulpeiro, Noriega Varela, Pascual Veiga, Cunqueiro ou o mestre Pacheco e os mestres de capela.
O Plan estratéxico de turismo de Mondoñedo nace da necesidade de dotar dun marco de referencia concreto a longo prazo que permita a articulación coherente de accións vinculadas ao desenvolvemento turístico no municipio, formulando estratexias e actuacións concretas que permitan incrementar a repercusión económica e social do turismo.
O Plan dá conta dunha serie de potencialidades a explotar coas que conta Mondoñedo e que son patentes, desde o valor patrimonial ao ser unha cidade histórico-artística de alto valor, cun casco histórico ben preservado e compacto con importantes edificios monumentais entre os que destaca a Catedral, xunto ao cemiterio vello, o barrio dos Muíños, a alameda dos remedios, o seminario, etc., e tamén un patrimonio inmaterial moi amplo porque é unha cidade da que saíron numerosas personalidades literarias, con Cunqueiro á cabeza, á vez que conta coas Covas do Rei Cintolo e moitos máis recursos naturais e paisaxísticos que poñer en valor.