Así, durante a xuntanza, Arias anunciou á rexedora que a Consellería de Educación executará nos próximos meses obras de mellora de accesibilidade no colexio e Educación Infantil e Primaria (CEIP) Juan Rei da localidade.
Os traballos previstos suporán, entre outras melloras, a construción dunha rampla de acceso ao edificio do centro, mediante a cal se facilitará unha incorporación máis cómoda ás instalacións por parte de alumnado e profesorado con dificultades de mobilidade. O orzamento dos traballos previstos, que tamén suporán o peche de instalacións deportivas, ronda os 30.000 euros.
Estes traballos viran a sumarse ás actuacións no ámbito educativo que se levaron a cabo nos últimos catro anos en Lourenzá, onde dende o ano 2009 se investiron arredor de 50.000 euros para dotar ao centro dunha pista polideportiva, así como a realización de adaptacións na instalación eléctrica ou o acondicionamento da zona de ocio infantil.
Por outra banda, durante a reunión, a rexedora de Lourenzá transmitiu a inquedanza dos veciños do núcleo de San Lourenzo para o transporte de madeira nesa zona, situada no entorno do camiño a Santiago.
Igualmente, Raquel Arias e Emma Álvarez avaliaron os avances nos proxectos das obras que se realizan no municipio ao abeiro do Programa Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural (Peim), e que suporán a mellora de preto de 3 quilómetros de camiños e pistas.
A Consellería do Medio Rural e do Mar inviste 54.900 euros nestas actuacións, que están a piques de rematar e que afectan a pistas de Penelas, Acebo e Cazolga, a entrada á área do Pereiro e ao paseo do río Baos, a entrada de Moredo, a pista Vilanova-Casa Gallego e o ramal de Recemil, entre outros. Os traballos consisten en bacheos, mellora da capa de rodadura, reposición do firme, pavimentado ou limpeza de cunetas, segundo os casos.
A delegada territorial incidiu en que a cooperación entre administracións “resulta, nun momento como o actual, máis necesaria que nunca para optimizar investimentos na busca dos mellores resultados e abordar en común proxectos de futuro para o desenvolvemento da provincia de Lugo”.
Álvarez solicitoulle a Arias axuda do goberno autonómico para outros asuntos pendentes e novas necesidades do Concello
Pola súa banda, a alcaldesa laurentina, Emma Álvarez, explicou que se tratou dunha xuntanza coa delegada territorial da Xunta “para poñela ao corrente dos asuntos que están pendentes dende o noso Concello coa administración que ela representa, a Xunta de Galicia, así como presentarlle novas necesidades a fin de acadar a colaboración co Concello de Lourenzá”.
Así mesmo, apuntou que “foi unha grata satisfacción que me confirmará a inversión de 30.000 euros no colexio Juan Rei, entre outras cousas en facer a rampla de acceso, que está sendo demandada por parte da Anpa e que xa comentara o seu día o presidente da Xunta que lle parecía importantísimo levalo a cabo”, explicou a rexedora municipal.
Despois do encontro Emma Álvarez tamén comentou que trataron “outros temas de tódalas consellerías: de medio ambiente, inversións en infraestruturas, de servizos sociais, da accesibilidade do Concello e un tema que me ten bastante preocupada a día de hoxe como é o Camiño Norte ao seu paso polo núcleo de San Lourenzo, que está dificultando a retirada de madeira das fincas colindantes. Polo tanto é moi importante para o noso concello que se lle dea unha solución e puxen en coñecemento da delegada territorial o que xa fixera no seu día co anterior director xeral de Patrimonio a fin de poder acadar unha solución a este conflito á maior brevidade posible”.