Site icon Crónica3.com A Mariña

Asociacións e Concello presentan as actividades para conmemorar o Día da Muller Traballadora en Cervo

muller_traballadoraIgualdade presenta un programa completo de actividades para conmemorar o Día da Muller Traballadora.

Cervo, 20 de febreiro de 2013-A Delegación de Igualdade xa ten confeccionado o programa de actividades que se desenvolverán o día 8 de marzo para conmemorar o Día Internacional da Muller Traballadora. Un conxunto de actos “moi participativos e cos que se pretende implicar á sociedade para reivindicar o importante papel da muller” explica a edil de Igualdade, Pilar Armada.

Por primeira vez, as tres asociacións de mulleres do municipio, Mulleres de San Ciprián, Asociación Alborada e Asociación de Mulleres Rurais As Espalladoras, colaboraron na organización dos actos, facendo cada unha as súas propias achegas “enriquecendo e facendo máis variado e completo o programa”, explica Armada. De feito, na presentación do cartel xuntáronse a edil de Igualdade, a de Xuventude, Yolanda Pedreira, e varias representantes das entidades colaboradoras como son a presidenta de Mulleres de San Ciprián, Amparo Pernas e a presidenta das Espalladoras, Inés Cobas.

Todos os actos estarán concentrados na tarde do venres 8 de marzo, o día marcado no calendario da ONU como o dedicado ás mulleres traballadoras e terán como lugar central a Casa do Mar. O acto de apertura desenvolverase ás 16:00 horas cunha homenaxe ás protagonistas do día, no que se dará a benvida, realizarase unha presentación e interpretarase unha peza cómica a modo de introdución.

Media hora despois dará comezo o “Café Bombón”, un acto de encontro con música ambiente no que se ofrecerá unha merenda con café e bombóns. De forma paralela as mulleres que o desexen poderán recibir unha limpeza de cute, para a que deberán estar apuntadas con antelación.

A media tarde, sobre as 19:00 horas, terá lugar a lectura de manifestos por parte das tres entidades de mulleres colaboradoras. Acto seguido arrincará un espectáculo no que se mesturará a maxia co humor e a historia. Trátase dun acto no que o grupo Trípode ofrecerá unha sesión de monólogos, Ramón Ares contará historias de risa e Jorge Manchado amosará as súas capacidades como mago. A Asociación Alborada é a organizadora deste evento.

Ás 22:00 horas celebrarase unha cea especial que terá lugar no restaurante Buenavista de San Cibrao e no que ademais de xuntarse, haberá un sorteo de agasallos entre todas as participantes. Unha cea posta en marcha por Mulleres de San Ciprián. Pero a xornada non rematará aquí, xa que a partir das 00:00 horas comezará o Gran Baile organizado pola asociación das Espalladoras.

Cabe destacar que hai actividades abertas e outras que requiren inscrición, como é o caso da limpeza de cute, que ten prazas limitadas, así como a cea. Para apuntarse é necesario dirixirse á Casa do Concello ou á Casa da Cultura e dar os datos persoais. O prazo está aberto ata o 6 de marzo.

Exit mobile version