Sobran os motivos para lles negar honras que se cadra nunca mereceran. Expresouno con rotundidade a voceira municipal do BNG de Vigo cando afirmou no Pleno “non quero vivir nunha cidade que recoñece méritos a quen estafou traballadores e encheu os petos cunha xubilación millonaria”. Un sentimento, de raiba e indignación, partillado por unha ampla maioría social.
O papel de ambos na desaparición das únicas entidades financeiras semipúblicas que tiña Galiza, na estafa das participacións preferentes ou no escándalo das indemnizacións e xubilacións millonarios, son apenas o corolario dunha traxectoria con moi poucos claros e unha chea de capítulos escuros. O certo é que tanto Gayoso no sur como Méndez no norte, foron as cabezas respectivas dos clans financeiros (e case familiares) que dirixiron as entidades nas que se concentraba o 80% do aforro das e dos galegos como a súa leira particular, como propietarios dunha empresa privada. Unha xestión que para alén de opaca motivou durante anos duras críticas do nacionalismo galego, quer no plano político quer no sindical.
Mais hai dous aspectos engadidos que merecen seren significados. En primeiro lugar que estes apupos simbólicos poñen de relevo a responsabilidade dos banqueiros na desfeita financeira. Unha denuncia oportuna precisamente cando escasean as críticas contra da clase dominante (o capital financeiro e empresarial) e as súas castas dirixentes, neste caso singular a bancaria. E en segundo, porque as decisións adoptadas constitúen un acto de xustiza tamén en chave patriótica, por disparar á liña de flotación dos discursos hiperlocalistas cos que o españolismo pretendeu sempre dinamitar a articulación dun proxecto de país e dos que Gayoso e Méndez foron punta de lanza, se non na palabra (que tamén) sobre todo nos feitos.
Xustiza simbólica a falta de xustiza legal, mais xustiza a fin de contas.
Xabier P. Igrexas
www.contradiscurso.net | @contradiscurso