O secretario xeral do PSdeG-PSOE en Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, deixou claro esta mañá que a prioridade absoluta debe ser o rearme do partido socialista canto antes, máis aló das intencións e manifestacións de cada un. “Sobre as decisións persoais non vou entrar en valoracións. Eu non me conformo con que ao PP lle vaia mal. Non me chega, nin me conforma, nin me reconforta. A min o que me preocupa é como o partido socialista se fortalece, como é útil á sociedade e como nos volven ver como un partido confiable e un mecanismo para solucionar os problemas que ten a maioría social deste país, que está desprotexida e é a gran damnificada da política dura de dereitas, de axuste e de restricións do PP, e iso é o que está esperando a xente”, aseverou.
Gómez Besteiro afirmou que “esa esquerda posible vén da man do PSOE” e que “o que hai que facer é ofrecer un futuro distinto” porque “a alternativa necesaria é o partido socialista, agora que a poboación vén de probar a medicina da política dura de dereitas”. Preguntado sobre a renovación do secretario xeral do PSdeG, remitiuse ao proceso de elección democrática: “Eu non son quen para dicir quen se ten que quedar á marxe. A grandeza deste proceso é que todo o mundo pode presentarse, e a xente xulgará se esas persoas son referentes de futuro ou non, e iso o fan coa súa votación”, afirmou, e insistiu: “Non debemos caer na complacencia de que lle vaia mal ao PP, que lle vai polas políticas que está a facer, ten que irnos ben a nós para que lle vaia mellor á maioría social deste país, porque a maior parte da sociedade deste país está a sufrir, fronte a uns poucos que por certo viven mellor que antes de que empezara a crise, paradojas de la vida”, ironizou.
No referente á posibilidade da fórmula de primarias para elixir secretario xeral e a unha posible modificación dos estatutos, Gómez Besteiro apuntou que “todo cabe” e “o que hai que discutir é cal é o procedemento” para levalo a cabo. “En todo caso, esas cuestións quen llas pode aclarar perfectamente é o secretario xeral do partido, que é quen pon enriba da mesa esta cuestión e efectivamente supoño que terá unha contestación pronto por parte de quen lle pode resolver esa cuestión”, indicou. “Somos un partido federal e eu por tanto sométome a esa decisión”, engadiu. Gómez Besteiro lembrou que mantén o que defendeu desde o principio. “Eu teño a mesma posición e non a variei en absoluto. Creo que sería a decisión máis lóxica, que cada militante exprese o seu voto, e paréceme razonable que tal e como poden elixir candidato por primarias, poidan escoller con forza o secretario xeral”.