Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela homenaxea a Mª Carmen Iravedra nun dos actos organizados para o Día Internacional da Muller

Foto muller 2013 (2)BURELA CELEBRARÁ O DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES O 9 DE MARZO. HABERÁ UNHA CHARLA PROTAGONIZADA POR CATRO MULLERES, UNHA HOMENAXE A Mª CARMEN IRAVEDRA E DARASE LECTURA A UN MANIFESTO.

Burela, 28 de febreiro de 2013. Burela celebrará o Día Internacional da Muller o 9 de marzo con varios actos: unha charla no que catro mulleres, dúas emigrantes retornadas e dúas inmigrantes contarán as súas experiencias. O alcalde, José Mª González Barcia, dará lectura ao manifesto conmemorativo e a xornada concluirá cun xantar. Os actos, organizados pola Concellería de Servizos Sociais, Muller e Igualdade en colaboración coa asociación de amas de casa Praia da Marosa, Mulleres en Igualdade e As Encaixeiras, foron presentados este mediodía no Concello.

O programa de actos do día internacional das mulleres desenvolverase o 9 de marzo no salón de plenos da Casa do Concello. A edil popular Diana Durán explicou que “comezaremos cunha charla que leva por título Mulleres traballadoras sen fronteiras, onde nos contarán as súas experiencias catro mulleres de Burela, dúas emigrantes retornadas: Milucha Vispo Moreno e Granada Reigosa Fernández; e dúas mulleres inmigrantes: Niria Luisa Sánchez Usuy e Antonina Semedo Lopes. Cos seus relatos queremos ter un acercamento ás costumes doutros países e enriquecernos así coa multiculturalidade, sen esquecernos que antes de que Burela fose un pobo receptor de xente inmigrante foi unha vila mariñeira, onde a súa xente emigraba en busca de novas oportunidades. Tamén contamos coa colaboración desinteresada de Antonia Fernández Rivas, que está a elaborar unha representación videográfica na que as protagonistas son estas catro relatoras”. E engadiu que “a continuación terá lugar a homenaxe a Mª Carmen Iravedra, unha muller moi querida no noso pobo e que hai poucos días que nos deixou. É todo un modelo de muller a seguir por tres aspectos fundamentais: accedeu ao mundo estudantil cando só estudaban os homes, exerceu a súa carreira profesional de mestra cando case era prohibido para as mulleres e sobre todo pola súa calidade humana. Deste xeito desde o Concello de Burela queremos renderlle unha pequena homenaxe a ela e todas aquelas mulleres que xa non están entre nós e que foron un piar básico no desenvolvemento tanto social coma económico do noso pobo”.

Como broche final aos actos organizados pola Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade, a través do CIM, o alcalde, José Mª González Barcia, dará lectura ao manifesto institucional dando paso ao xantar conmemorativo deste día, que está organizado por tres asociacións de mulleres pertencentes ao tecido asociativo do concello “e ás que lles queremos agradecer a súa vontade para aunar esforzos cara a procura da igualdade entre mulleres e homes. Son a asociación de amas de casa Praia da Marosa, Mulleres en Igualdade e As Encaixeiras”.

A concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Muller sinalou que “camiñando todos e todas cara o mesmo obxectivo poderemos chegar máis lonxe e conseguir mellores resultados. Calquera muller que desexe participar no xantar debe dirixirse a calquera das mencionadas asociacións e retirar alí o seu tícket. O xantar está aberto a todas as mulleres de Burela e non é requisito imprescindible ser socia destas asociacións”.

No acto de presentación estiveron tamén o rexedor e representantes das tres asociacións que colaboran na organización do xantar conmemorativo.

Exit mobile version