Site icon Crónica3.com A Mariña

Previrmos a corrupción


CADERNOS DA VIAXE
Hai anos que Carlos Varela, Fiscal Superior de Galicia, chama á atención da Xunta e do Parlamento sobre da necesidade de dotarmos de instrumentos para previrmos a corrupción, como aconsellan tamén dende a organización “Transparencia Internacional” ou mesmo dende grupos de traballo do propio Consello de Europa. Velaí o exemplo portugués, que creou o Consello de Prevención da Corrupción no 2008.

Mais as sucesivas Memorias da Fiscalía foron acollidas só con boas palabras por parte de todos os partidos con representación parlamentaria, sen que ninguén fixese uso de cadansúa iniciativa lexislativa para trasladar á lexislación galega as recomendacións da Fiscalía Superior galega e destas institucións internacionais. Semella que a algúns non lles interesa e aos outros non lles semella importante, quizais por pensar que a corrupción é consubstancial ao sistema.

Semella que este baleiro normativo encherase no futuro, xa que o sábado foi presentada no Parlamento unha iniciativa lexislativa popular, que será debatida aló por primeiros de verán, sempre que os seus promotores, pertencentes á dirección nacional do partido Compromiso por Galicia (CxG), sexan quen de acadar as 15.000 sinaturas que esixe o Dereito galego para que esta caste de iniciativas poida chegar ao debate no Pleno do Parlamento.

A nova proposta lexislativa introduce a limitación a dous mandatos dos cargos públicos en Galicia, xunto coa obrigatoriedade da declaración anual de bens e intereses de todos os cargos públicos e representativos e a implantación dun referendo revogatorio á metade da lexislatura no que a cidadanía podería revogar o mandato conferido dous anos antes. Tamén se recollen limitacións de contía máximas na acumulación de contratos administrativos adxudicados negociadamente, isto é sen concurso ou subasta. E proponse a creación dun Consello de Prevención da Corrupción seguindo o modelo portugués, só orientado á prevención das actividades de risco a respecto da corrupción.

As forzas políticas galegas terán, xa que logo, unha boa ocasión para demostrar que a loita contra a corrupción é para elas algo máis ca unha ladaíña. Porque a corrupción política é, xa, unha das principais preocupacións da cidadanía galega.

Xoán Antón Pérez Lema

Exit mobile version