Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello de Cervo e Asociación Cruz da Venta reúnense para falar sobre o tema da parcela anexa ao Museo de Mar

reunioncervoO Concello reúnese coa asociación Cruz da Venta para escoitar as súas inquietudes sobre a parcela anexa ao Museo do Mar

Cervo, 12 de febreiro de 2013-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e os edís José Ramón Soto e Pilar Armada reuníronse cos membros da directiva da asociación veciñal Cruz da Venta que preside José Luis Sariego co obxectivo de abordar a situación actual da parcela situada detrás do Museo do Mar. Na xuntanza, solicitada pola propia asociación, a directiva transmitiulle ao Concello a súa preocupación pola posibilidade de que os propietarios cheguen a construír un edificio de cinco plantas neses terreos e o seu desexo de que se materialice a ampliación da instalación museística.

A este respecto, Villares explicoulles que só existe unha forma de evitar a construción do bloque de vivendas: “A única saída é que a Deputación merque os terreos. Todas as demais opcións son ou ilegais ou implican unha indemnización aos propietarios”. O rexedor asegura que “nin sequera a aprobación do PXOM facilitaría as cousas, porque todos os cambios que se fagan na finca obrigan a indemnizar aos donos”.

Tampouco era viable non aprobar o estudo de detalle “porque era a nosa obriga como Concello” e non sacalo adiante tería sido “irregular e, polo tanto, implicaría tamén unha indemnización aos donos”. “Que é preferible? Gastar os cartos públicos en indemnizacións, ou mercar a parcela directamente?” pregúntase Villares, que considera que “a resposta é de sentido común e a pregunta resólvese soa”. O primeiro edil cre que “a oposición está embarrando moito porque a verdade non interesa a quen no seu momento pedía a berros que a Deputación asumira a súa responsabilidade co museo”.

O mandatario cervense lembra que “no 2005 PP, PSOE e BNG aprobamos unha moción proposta por Estúa para que a Deputación mercase os terreos. Estabamos todos de acordo. Que cambiou agora?”. Villares di que “nós seguimos pedindo o mesmo, pero ao BNG xa non lle interesa o que tanto reclamaba no 2005”.

O alcalde destaca a importancia de que a veciñanza teña claro que “non hai outra forma de impedir o edificio. A solución só está en mans da Deputación, ninguén máis a ten. Só teñen que mercar os terreos, facelos seus, e ampliar o Museo que eles mesmos xestionan”.

Exit mobile version