Pois ben, ó señor alcalde isto non lle parece ben pois considera que o seu traballo non estaría pagado con 30.000€/ano; quéixase que hai dous anos que non ten vacacións, e eu digo: “bueno, será que quere estar en todos os lados”, porque con 8 concelleiros que ten o PP en Xove, ben poden repartir o choio ou?, que hai algún evento deportivo… pois terá que ir a concelleira de deportes; que hai que ir algún acto dalgunha asociación social… pois irá a concelleira de asuntos sociais; que hai algún curso de agricultura ou gandeiría… pois terá que ir a concelleira dese departamento; e así con todo, o que non se pode é considerar que es imprescindible en todos os asuntos que ocorren no concello, que quen é un bo gobernante é aquel que sabe delegar responsabilidades e repartir o traballo na xente que ten por debaixo, e cos concelleiros que ten o PP en Xove, ten xente abondo para facelo.
Igual todo o rebumbio que hai agora, dentro duns días queda en nada, porque se enfadan e alporizan os señoritos alcaldes, poñendose en contra dos que mandan no PP, e claro, os que mandan tampouco queren que se lles poñan en contra os de abaixo que bastante teñen con BÁRCENAS e con todos as leas de corrupción que hai por enriba.
Pero eu agardo que a xente non esqueza o que pensa o noso alcalde: que 1.700€ ó mes limpos non é abondo para una persoa que dirixe un concello con 3.512 veciños. Pois sinceiramente, eu penso que é un soldo decente, e tamén penso que hai moita xente que faría de alcalde por ese mesmo soldo.
Non esquezamos tampouco outro aspecto desta pretendida lei para regular a administración local: “O presuposto deste ano so pode ser o 1’7% superior ó do ano pasado”. E que facemos entón cos 2.000.000 de euros que ten o concello aforrados?!, porque so falta que veña algún espabilado dos de enriba e diga: “Bueno, Viveiro debe cartos e Xove ten ahí dous millóns que non pode gastar… pois para Viveiro!”.
Non poderían estar invertidos eses dous millóns que están ahí no banco en ampliar o polígono, invertidos en sistemas para atraer empresas que traian postos de traballo e beneficios ó noso concello, cedendolle terreos gratis por un tempo, facendolles reducións fiscais…? Porque hai que prepararse para cando Alcoa peche, que non será mañá, nin o ano que ven, pero algún día pechará, e que será de Xove entón se no se invirten cartos para ir asentando outras empresas aquí?
Pénseno e reflexionen que o tema da para moito.
Carlos Fernández Louzao