Site icon Crónica3.com A Mariña

CxG rexistra no Parlamento unha Iniciativa Lexislativa Popular a prol da prevención da corrupción

Nunha xuntanza aberta á cidadanía e xunto coa militancia da formación, Víctor Álvarez Arias foi elixido novo coordinador comarcal de Lugo de Compromiso por Galicia, ocupando a función de Xosé Anxo Laxe, que a partir de agora asumirá a responsabilidade de política municipal e portavoz da formación a nivel local. Por outra banda, Rocío López Pacio, coordinadora territorial da formación será a mesma que ocupe a responsabilidade de organización da comarca de Lugo.

Tamén formarán parte do equipo da comarca Trinidad Fuenteseca ou Santiago Fernández Rocha, entre outros.

Os obxectivos marcados a curto e medio prazo son o asentamento dos piares fundamentais para dar a consolidación a nivel territorial da organización, a conformación nalgunhas localidades previstas na provincia e dar a coñecer as diferentes iniciativas a prol da transparencia pública.

Según López Pacio, “CxG ten que ser ferramenta que visibilice as demandas do colectivo e dun xeito totalmente transparente; xa que a cidadanía reclama respostas aos problemas do cotiá, polo que tamén é importante encontrar/crear novas formas de participación social para canalizar esas demandas”.

Iniciativa Lexislativa Popular

Compromiso por Galicia (CxG) vén de formular este sábado no rexistro do Parlamento de Galicia un escrito de promoción dunha iniciativa lexislativa popular de medidas de prevención da corrupción política.. O secretario xeral da formación galeguista, Xoán Bascuas, xunto co resto de membros da Comisión Executiva Nacional, acudiron ao acto para que “cumprindo os trámites legais, se admita a trámite esta iniciativa, para comezar a recoller cando menos as 15000 sinaturas precisas para a toma en consideración no pleno e subseguinte tramitación parlamentaria”.

O líder de CxG cre que a corrupción en xeral, e nomeadamente a política, “é unha das cuestións que máis preocupan á cidadanía galega, e que contribúe á desafección e merma a calidade da nosa democracia”. A intención coa presentación desta proposición de lei de medidas de prevención da corrupción política é “recoller esa preocupación, e non pretende resolver, castigar ou sancionar, senón prever”, aclara Bascuas.

A iniciativa toma como referencia outras experiencias existentes noutras latitudes, como son o caso da ficha limpa da lexislación brasileira, os criterios marcados pola organización Transparencia Internacional e a propia proposta do Fiscal Superior de Galicia da creación do Consello de Prevención da Corrupción, figura existente na República portuguesa dende o ano 2008.

Ademais, Xoán Bascuas cre que estas medidas deben vir acompañadas da “exemplaridade na conduta nos representantes políticos galegos, e unha actuación pedagóxica orientada ao cambio dunha cultura política enormamente instalada no imaxinario colectivo”, así como do endurecemento do castigo a aqueles que non cumpren.

Exit mobile version