Estes cursos forman parte dunha iniciativa que comezou coa cesión de terreos na zona do río Rato e da Ponte de Paradai á Federación Veciñal, nos que centos de lucenses habilitaron hortos nos que cultivan as súas propias froitas e verduras, contribuíndo así á dinamización destas zonas verdes e ó impulso dos produtos autóctonos, obxectivos principais deste Plan. Estes cursos organízanse grazas á axuda económica da institución provincial, que se inviste na contratación de profesionais expertos que prestan asesoramento e axuda ós “agricultores”, ademais de noutros fins coma, por exemplo, a compra de sementes.
Cursos de marzo a decembro
Estes cursos acadan ano tras ano unha grande aceptación entre os lucenses, o que amosa o dato de que en cada edición participen entre 200 e 300 lucenses. Os cursos programados neste ocasión son os seguintes:
– Poda e enxertos
– Árbores froiteiras
– Especies forestais
– Traballo en invernadoiros
– Hortos ecolóxicos
– Flores e plantas mediciñais
Estas accións formativas darán comezo no mes de marzo, celebrándose todos os sábados do mes ata finais de ano, coa excepción dos meses de xullo e agosto, nos que non haberá formación. En cada unha das edicións destes cursos hai dispoñibles unhas 20 ou 30 prazas e todos eles teñen unha duración aproximada de 8 horas, a maior parte das cales estarán adicadas a poñer en práctica os coñecementos adquiridos. Esta é a razón pola que os cursos se desenvolverán nas casetas de madeira que na zona do Rato ten habilitadas a Federación Veciñal.
Ó remate, os participantes obterán un diploma acreditativo da súa participación e aproveitamento. Para máis información e inscrición, os interesados só terán que poñerse en contacto coa Federación de Asociacións Veciñais nos teléfonos 982 20-37-21 ou 982 80-16-92