A Rojo vén de sumárselle Dolores de Cospedal. Se a primeira se escudaba na defensa da “dignidade parlamentar”, a segunda fixo bandeira dos “símbolos nacionais”. Isto é do Borbón e da marcha militar que o Reino de España ten por himno. Todo tras a asubiada inmensa que El-Rei tivo que escoitar na final da copa de baloncesto en Gasteiz, ademais dos berros de “fóra, fóra!”. Unha acción espontánea do público presente que a secretaria xeral do PP cualificou de “absolutamente reprobábel”, gastando con cinismo maior dureza na adxetivación que ao cualificar por exemplo o escándalo infame dos sobre-soldos do caso Bárcenas. Pero non quedou aí. Cospedal mesmo se atreveu a formular a necesidade de “sancionar dalgunha maneira” aqueles actos ou comportamentos que segundo ela “ofenden os símbolos de todos os españois”. Multas? Cárcere? Lei anti-apupos? U-lo respecto ao exercicio do dereito de libre expresión? U-la protección da liberdade de crenza e pensamento?
Quen reduce a democracia a un rito formal, á simulación da escolla electoral cada catro anos quer tamén agora negarnos a posibilidade de expresar libremente a nosa opinión, sobre todo se é de oposición ou rexeitamento, alén das urnas. Á ringleira dos dereitos civís cernados, das liberdades ilegalizadas, queren sumar unha nova prohibición. A de nos negar o dereito ao apupo.
Apupemos e que lles proa.
Xabier P. Igrexas