Site icon Crónica3.com A Mariña

Espazo Ecosocialista cre que os últimos casos de corrupción amosan unha “crise institucional sen precedentes”

DECLARACIÓN DA COORDINADORA NACIONAL DE ESPAZO ECOSOCIALISTA

Reflicten un esgotamento do modelo saído da transición e cren chegado o momento da
apertura dun novo proceso constituínte sen tutelas

Espazo Ecosocialista cre que os últimos casos de corrupción amosan unha crise institucional sen precedentes

Os últimos casos de corrupción que afectan ao PP, PSOE, CiU e a Casa Real veñen a amosar unha crise institucional sen precedentes que non se resolve única e exclusivamente con unhas cantas dimisións ou cunha cantas xustificacións.
Para Espazo Ecosocialista o carácter transversal das mesmas o único que reflicte é que por riba da corrupción económica asistimos a un proceso de corrupción política e ética.
Ademais cre que a crise económica e política esta a acentuar a desafección da cidadanía e a desconfianza cara a unha elites que levan manexando un modelo limitado de democracia saído da transición. O afondamento dos elementos de xustiza social, de sustentabilidade e de políticas de paz, así como a propia radicalidade da democracia; o cambio da lexislación electoral e de financiamento de partidos; a eliminación de estruturas pre-democráticas como as deputacións; a asunción da xefatura do estado polo presidente do goberno e a abolición da monarquía ou a reordenación plurinacional do estado son algunhas das razóns dun novo texto constitucional necesarias para crear un novo clima de confianza na poboación.
Espazo Ecosocialista esixe a dimisión do actual goberno e a convocatoria dunhas eleccións que teña como obxectivo ese novo carácter constituínte libre das tutelas que condicionaron o anterior.
Ademais fai un chamamento ás forzas políticas alleas ás elites dominantes para converxer nunha ampla alianza democrática cun programa de cambio que permita construír unha alternativa á dereita política e aos oligopolios.
Por último considera que as informacións aparecidas tanto no caso Gurtel coma nos papeis de Bárcenas sobre o Partido Popular de Galicia son suficientes para que Feijóo compareza no parlamento de Galicia e dea explicacións.

Exit mobile version