Site icon Crónica3.com A Mariña

Feira do libro

Polos xornais chéganos a grata nova: a Federación de Libreiros de Galicia inclúe na programación anual de Feiras do Libro a que hai 27 anos ven celebrándose en Foz. Cando en 1986 se xestionou a implantación da mesma, co proxecto de continuidade, xurdiran serias dúbidas sobre a súa viabilidade. O do libro é un mundo complexo e difícil, sobremaneira onde, coma en Galicia, o índice de lectura é francamente baixo.

Pero o tempo situou ó certame focego como o máis exitoso dos que teñen lugar en vilas e decano deles. Foz vivirá, polo vindeiro agosto, a XXVIII Feira do Libro, sen faltar a unha cita aínda que, nalgunha ocasión, con certos atrancos que remataron superándose e que é de esperar non se repitan. Pode dicirse que para a vila trátase do feito cultural máis importante da súa historia, se atendemos a consideracións puramente obxectivas: é o que mais perdura no tempo; o de maior participación (ao longo das 27 xa celebradas foron milleiros os/as visitantes a cada unha) e o evento que trouxo ó pobo un maior número de xente da cultura, xa como pregoeiros, conferenciantes, presentando e asinando libros, rapsodas, relatores… Fora pregoeiro da I Feira, o xornalista e escritor viveirense Ramón Pernas, director da Editorial Espasa-Calpe e deran conferencias Ramón Villares, decano da Facultade de Historia en Santiago, que de contado sería reitor daquela Universidade, a quen Alianza Editorial acababa de publicar o seu libro “Historia de Galicia”; Jorge Víctor Sueiro, xornalista, redactor-xefe de TVE e escritor gastronómico; Isaac Díaz Pardo, director de Sargadelos, disertando sobre “Castelao e a guerra civil” e don X. Trapero Pardo, xornalista e escritor cuxo relato xirou arredor da figura de “O Mariscal Pardo de Cela”. Outros persoeiros que con distintos cometidos acudiron ás feiras de Foz foron: Carlos Reigosa, Xosé Neira Vilas, Manuel María, Rosa e Luisa Castro, Xavier R, Baixeras, J. R. Ónega, Daniel Hortas, Paco Rivas, Xosé M. Carballo, Ramón Reimunde, Raúl Guerra Garrido, Darío Villanueva … A Feira do Libro é consubstancial ó verán de Foz.

Suso Fernández

Exit mobile version