Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia reuniuse con persoal técnico de Portos de Galicia para avanzar no PXOM de Burela

PORTOS DE GALICIA E CONCELLO AVANZAN NO PXOM DE BURELA, SEGUNDO VEN DE ANUNCIAR GONZÁLEZ BARCIA, QUE ONTE SE REUNIU EN SANTIAGO CON PERSOAL TÉCNICO DESTE ENTE. O ALCALDE SUBLIÑOU QUE “PRACTICAMENTE TODOS OS INFORMES QUE RECIBIMOS DAS DIFERENTES ADMINISTRACIÓNS SON FAVORABLES AO DOCUMENTO”.

Burela, 14 de febreiro de 2013. Portos de Galicia e Concello deron onte un paso decisivo de cara ao plan xeral de ordenación municipal de Burela, segundo ven de anunciar o alcalde, José Mª González Barcia, logo de manter en Santiago de Compostela un encontro no ente con persoal técnico.

O rexedor sinalou que “nosoutros tiñamos un informe emitido por Portos de Galicia hai xa uns meses sobre o plan xeral de ordenación municipal, no que sendo coñecedores das teses de Portos de Galicia de limitar ao máximo posible a ubicación de servizos non portuarios nos recintos portuarios, entendíamos que tiñamos que ter esta reunión en Santiago de cara a continuar coa tramitación do plan xeral de ordenación municipal”. E engadiu que “de feito na visita que fixo aquí a Burela este luns o presidente de Portos de Galicia adiantouse un pouquiño o contido da entrevista de onte, que era fundamentalmente con técnicos. Nesa reunión que tivemos onte en Santiago dimos pasos entendo que decisivos, tanto é así que o informe de Portos de Galicia ao plan xeral ten moitos visos de ser favorable, co cal é un paso de enorme importancia para continuar coa tramitación”.

González Barcia indicou que “agora mesmo tódolos informes que temos recibido das distintas administracións son favorables ou favorables condicionados. Soamente nos queda por concretar o que se refire a Patrimonio Cultural, ainda que nas dúas ou tres próximas semanas pode haber avances sustanciais para que o plan xeral poida ser enviado despois á elaboración da correspondente memoria ambiental”.

O alcalde burelés dixo que “Portos de Galicia está agora mesmo traballando na elaboración do plan de usos do porto de Burela, que pretende aclarar o que se pode poñer en cada zona ou espazo, non soamente o que hai xa ubicado senón qué tipo de actividades se poden poñer. É dicir espazo para concesións vinculadas coa actividade pesqueira, espazo para servizos propios dos barcos, etcétera”. José Mª González Barcia manifestou que “isto é o paso previo á elaboración do plan especial do recinto portuario do noso concello, que é onde poderemos concretar qué tipo de servizos municipais se poden ubicar na zona portuaria”.

Exit mobile version