Site icon Crónica3.com A Mariña

O xogador laranxa Isi considera que o equipo desperdiciou “demasiadas ocasións” contra o Umacón Zaragoza

O Burela FS Pescados Rubén terá un pequeno descanso na competición esta semana, coincidindo coa Copa de España Alcalá de Henares 2013, para preparar a excepcional tríade de titáns que lles espera entre os seus compromisos máis inmediatos, a visita de FC Barcelona Alusport e ElPozo Murcia, co desprazamento á pista de Inter Movistar. Tras o resultado desfavorable de Umacón Zaragoza (2-4) en Vista Alegre, os laranxas aférranse ao traballo para afrontar o complicadísimo reto no calendario: “Estamos doídos porque este era un partido moi importante. Tiñámolo marcado en vermello no calendario e foi un desazo duro, pero seguiremos traballando con ganas para mellorar e afrontar as próximas citas con ambición” aseguraba Isidoro Garrido, Isi, unha das últimas incorporacións ao renovado equipo mariñán.

O ala andaluz destacou os primeiros minutos ante os maños como a clave da cita: “O inicio foi determinante. Fíxonos moito dano que se puxesen por diante; despois nós desperdiciamos demasiadas ocasións e acabámolo pagando. Os seus goles fixéronnos dano aínda que logramos recortar diferenzas e gozamos de claras ocasións para empatar e ata adiantarnos no marcador, tanto co 1-2 como co 2-3” explicou Isi.

Aclimatándose á escuadra, o xogador cordobés agradece o apoio do vestiario para facerse un oco na cancha cos laranxas: “Cada día que pasa atópome mellor. É complicado chegar a un equipo coa competición iniciada pero estou adestrando forte e con ganas para ofrecer a miña mellor versión. Teño que agradecer as facilidades e o apoio que me están dando os meus compañeiros. Con cada adestramento imos coñecéndonos mellor e mellorando o noso entendemento na pista”.

Venda anticipada para FC Barcelona

A entidade laranxa xa abriu a venda anticipada para o próximo Día do Club, o sábado 2 de marzo, na visita á bombonera do FC Barcelona Alusport, atrasando o horario habitual ata as 19.30 horas. A afección poderá adquirir as entradas na sede burelista (avenida Arcadio Pardiñas, número 97, entresollado) de luns a venres entre as 10.00-14.00 e as 16.00-19.00 horas.

Os socios adultos e os xuvenís (14-18 anos) que non están asociados ao club pagarán 3 euros, mentres que o resto do público deberá abonar 12 euros; os menores de 14 anos poderán acceder de forma gratuíta.

Exit mobile version