Site icon Crónica3.com A Mariña

José Ramón Val lamenta a posta en marcha da nova Lei de Costas que “mercantiliza todo o litoral”

José Ramón Val lamenta que a Lei de Costas “volve abrir a porta á especulación e mercantiliza o litoral”

O coordinador do PSdeG-PSOE na Mariña está a favor do trato especial “para as casas que están nos pobos do litoral e os núcleos poboacionais costeiros, que están tan arraigados en Galicia e en Lugo” pero cre que “o PP utiliza estas excepcións para facer unha lei xeral que volve espertar a burbulla inmobiliaria que agora estamos a sufrir, e que foi permitida na etapa de Aznar”.

O PSdeG-PSOE de Lugo, a través do deputado e coordinador da comarca da Mariña, José Ramón Val, lamenta a posta en marcha da nova Lei de Costas, aprobada en solitario polo PP no Congreso cos votos en contra dos socialistas e que “volve abrir a porta á especulación”. O socialista apunta que o PP “trata de confundir a xente que vive na costa” para aprobar unha lei xeral que “mercantiliza todo o litoral”.

Así, Val explica que unha cousa é que haxa un trato especial e unha excepcionalidade para legalizar “as casas que están en poboacións do litoral e os núcleos poboacionais costeiros, que están tan arraigados en Galicia e en Lugo”, e outra moi distinta o que está a facer o Goberno. “O PP utiliza estas excepcións para facer unha lei xeral que volve espertar a burbulla inmobiliaria da que agora estamos a sufrir as consecuencias, e que foi permitida na etapa de Aznar”, explica.

O socialista alerta de que a Lei “desprotexe o litoral e privatízao” e “o único que ampara non é aos veciños, como quere facer ver o PP, senón os intereses e a rendibilidade económica de determinados colectivos dos que eles son defensores”. Ademais, engade, a nova Lei de Costas “invade competencias locais e autonómicas”. Así, explica, o PP introduce “unha emenda pola que o Estado pode escudarse no que denomina ben xeral para prorrogar concesións e tomar decisións aínda que a Comunidade Autónoma emitise un informe ambiental negativo”. Deste xeito, afirma, a normativa asegura que “o Partido Popular asegúrase unha estratexia na que sempre gaña, e a Xunta pode poñer como escusa que a última decisión sempre é do Goberno central nos temas nos que non lles interese mollarse”.

Exit mobile version