En Ribadeo presentarase o último libro de Aurora Marco e en Burela o número 54 da Revista Galega de Educación
Se a Axenda Feminista do Observatorio da Mariña pola Igualdade está adicada este 2013 ás escritoras galegas, que menos que comezar as actividades deste ano coa presentación do último libro dunha das escritoras da Axenda. O Observatorio organiza para o próximo venres 8 de febreiro, ás 20.30h na Casa das Letras de Ribadeo, a presentación do libro Teresa Alvajar. Memorias dunha republicana. (Ed: Laiovento, 2012).
Para a presentación contarase coa presenza da catedrática de Didáctica da Lingua e Literatura Galega Aurora Marco, persoa encargada da edición, tradución, introdución e notas do libro Teresa Alvajar. Memorias dunha republicana. Ademais, proxectarase o documental Teresa Alvajar. Compromiso e paixón pola terra, de Pablo Ces.
Teresa Alvajar. Memorias dunha republicana, biografía que escribiu a propia Teresa con 88 anos, recupera a voz da memoria democrática, unha voz necesaria que nos achega a momentos transcendentais como foi o da República e a períodos verdadeiramente traumáticos, como a guerra e o franquismo, da nosa historia. Todo contado en primeira persoa e desde a propia experiencia vivida. A edición tamén contén dous anexos con material gráfico e documental da propia Teresa Alvajar, que foi dixitalizado pola súa neta, e un terceiro anexo con material procedente do arquivo de Ana María Pérez Alvajar, sobriña de Teresa, con material da nai de Teresa, Amparo López Jean. En definitiva, unha valiosa contribución á nosa memoria colectiva.
E para a próxima semana a cita será en Burela. O xoves 14 de febreiro ás 20.00h no IES Monte Castelo, presentarase o número 54 da Revista Galega de Educación de Nova Escola Galega. O monográfico “Construíndo os afectos desde a escola” será presentado por:
– Carme Díaz Simón, representante de Nova Escola Galega
– Carme Adán Vilamarín, directora do monográfico
– África López Souto, colaboradora do monográfico
– Inés García Seijo, representante do Observatorio da Mariña pola Igualdade