O de Muimenta máis que un carabullo parece una rolla que leva a todos por diante. De novo fixo pleno ó igual que Eric de Os Outros ó que lle gañou no desempate correspondente.
Daniel Rodríguez, da Asociación O Varal, lembra o dito “¡Cuando el grajo vuela bajo, hace un frío de carajo! e penso que hoxe o demo do paxaro debe andar polo chan porque non se para”, afirmou engadindo que “o conto é que nin frío, nin choiva, nin neve, son quen de parar o empuxe da LNB. Pola contra, aínda aproveitamos o curto mes de febreiro para facer no troco dun, dous abertos, e ten a súa lóxica”. Rodríguez recorda que Charli levou o lacón de Meira e se achegou a Mondoñedo pola tarta.
Moi preto do medio cento de palanadores desafiando as cativas previsións de auga e neve, se achegaron a alameda dos Remedios de Mondoñedo, onde se disputou a 8ª xornada puntuable da conferencia NorLeste da liga nacional de billarda. Nalgún momento asomou a choiva e apenas unha presada de granizo fixo acto de presenza perante a tarde sen que o ritmo da competición tivera que ser alterado.
Xornada irregular onde case que tódolos favoritos se deixaron algún punto inesperadamente, agás os referidos dous que fixeron pleno e Marcos dos Remourelle Bulls que acadou a terceira posición con 9 puntos amosando a regularidade que ven mantendo toda a tempada.
A nota pintoresca do día púxoa o seleccionador Manolo Flores que se presentou co “pinto” (o cadelo amigo de Ginés), moi ben pertrechado para asistir logo do aberto ó desfile de carnaval de Trabada.
Os tres primeiros do aberto recibiron os trofeos en especie, tartas de Mondoñedo para Marcos como 3º, Eric como 2º e o gran Charli como campión. Para o equipo da xornada, e doada por Txomin do Baleco, foi a botella XXL de mencía da Ribeira Sacra. Os gañadores foron o equipo de “Os Outros” de Ribadeo que volven á segunda praza na táboa.
Charli segue ao fronte da clasificación xeral e tamén en varados polo que sen dúbida se pode afirmar que hoxe por hoxe é o palanador máis en forma da Conferencia Norleste.
Clasificación Individual:
Charli 68 p., Marcos 62 p., Eric 59 p., Regueiro 57 p., Daniel e Oscar 56 p.
Equipos:
Billardeiros Musicais 221 p., Os Outros 210 p., Tropa Lixeira 206 p.
Varados:
Charli 11, Regueiro 8. Eric 5, Daniel. Markytos e Oscar 4.