Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde barreirense recorda que o BNG retirou a axuda de 35.000 euros anuais á gardería municipal

Barreiros, 21 de febreiro de 2013. O alcalde, Alfonso Fuente, considera que os nacionalistas non están facultados para falar de recortes nin de rebaixas despois de ter deixado á gardería municipal de Barreiros sen os 35.000 euros anuais que viñan aportando desde a Deputación Provincial para sufragar unha parte dos gastos xerados por esa instalación.
O equipo de goberno lamenta “o tremendo recorte que lle fixo á gardería municipal a Deputación de Lugo, a través da Vicepresidencia primeira de Antonio Veiga. Deixouna no ano 2012 sen unha aportación de 35.000 euros que lle viña dando o ente provincial ao Concello para manter parte dos gastos desas instalacións”.
O rexedor explica que “no balance da gardería existen unha serie de gastos e ingresos. Neste último capítulo as aportacións proceden da Xunta de Galicia, que é verdade que houbo un recorte de 2.000 euros do ano 2011 ao 2012. A Xunta víñanos aportando 26.000 euros e agora estanos dando 24.000 euros. E a Deputación viña aportando 35.000 euros e agora resulta que o ano pasado aportou cero euros e o Concello poñía 49.000 euros, que era a aportación obrigatoria e máis o déficit que aínda quedaba na gardería e que eran en total 69.000 euros”.
Fuente Parga segue a relatar que “ao retirarnos estas axudas a Deputación Provincial o Concello terá que poñer 105.000 euros para cubrir o déficit e a aportación obrigatoria co obxectivo de manter a gardería aberta. Isto quere dicir que cando o BNG fala de recortes, eu entendo coma un recorte ou unha rebaixa que che quiten 2.000 euros nunha axuda que che dan, pero que che quiten 35.000 dunha ataca, como acaba de facer Antonio Veiga, á gardería municipal de Barreiros… entón non están facultados para falar de recortes nin de rebaixas”.
Por culpa deste importante recorte o Concello estase a ver obrigado “a traspasar algúns gastos aos pais cando se celebran actividades coma as do entroido para que nos axuden a costear os gastos xerados por esas festas. Se lles está a pedir unha axuda aos pais coma consecuencia da supresión desa axuda tan elevada da Deputación de Lugo, que non sacou esta liña de axudas e non aportou os 35.000 euros que viña aportando outros anos”.

Exit mobile version