Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Riotorto critica a actitude dos alcaldes do PP ante a reforma da administración local

O ALCALDE DE RIOTORTO CONSIDERA LAMENTÁBEL QUE OS ALCALDES DO PP ESTEAN MÁIS PREOCUPADOS POLO SEU SALARIO QUE POR DEFENDER OS SEUS CONCELLOS.

Riotorto, 20 de febreiro de 2013. O alcalde nacionalista de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa, criticou a actitude dos alcaldes do Partido Popular ante a reforma da administración local proposta polo Goberno do Estado que contempla a redución dos soldos dos rexedores municipais e pide aos dirixentes do Partido Popular de Galiza que aclaren se apoian as afirmacións dos alcaldes dispostos a deixar a actividade política se se lle toca o seu salario.

Para Federico Gutiérrez estas ameazas dos alcaldes populares da Mariña son “unha falta de consideración cara os seus veciños e veciñas, tanto aos que os votaron coma aos que non, máis nun momento de forte recesión económica que está deixando a milleiros de desempregados na comarca, a familias con todos os seus membros en paro que non reciben ningunha axuda e a todos os traballadores que ven como diminúe a súa renda de traballo polos recortes salariais e medidas como a suba de impostos e o copago nos servizos públicos. Todo isto deixa entrever que os alcaldes do PP non gobernan para servir ao pobo, senón para asegurarse un determinado nivel de vida, e isto o que fai é desprestixiar a política e aos que pelexamos por vocación pola mellora das condicións de vida dos nosos veciños e veciñas. Estamos ante declaracións indignas de representantes do pobo que deben pór os intereses dos cidadáns por riba dos intereses persoais”.

O rexedor de Riotorto insiste en que a reforma proposta polo Goberno central recolle modificacións de maior gravidade para os concellos que o soldos dos alcaldes, que deberían estar defendendo a xestión das entidades locais e estar demostrando o seu rexeitamento cara a ofensiva unificadora emprendida polo seu propio partido, que pretende baleirar de competencias aos concellos e dificultar a prestación de servizos públicos camiñando cara a súa privatización. Nesta liña afirma que “estamos vivindo tempos nos que as persoas están a pasar situacións límites, e hai que lembrar que os concellos son as administracións máis achegadas ao cidadán e, polo tanto, aquelas que son máis conscientes das súas necesidades, polo que cumpren un papel fundamental”. “A proposta de reforma en canto limita o desenvolvemento económico e social dos concellos, decreta o desequilibrio territorial consolidando veciños de primeira e de segunda atendendo ao concello no que vivan e intensifica as diferenzas entre o rural e o urbano, consolidando unha institución decimonónica como as deputacións. Oxalá víramos aos rexedores do Partido Popular defender a sanidade e a educación pública e rexeitar os recortes en servizos sociais coa intensidade coa que defenden os seus salario”- conclúe Federico Gutiérrez.

Exit mobile version