Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde focense adianta que propoñerá reducir a partida de gastos para festas nos orzamentos deste ano

Foz, 13 de febreiro de 2013. O alcalde focense, o popular Javier Jorge Castiñeira, considera que o portavoz de Unifoz, Jaime Cancio, trata de enganar aos veciños sobre o inicio dos traballos para a elaboración dos orzamentos municipais deste ano 2013. “Que non trate de enganar á xente, porque o documento que se lle deu a el e ao resto dos grupos políticos é recén saído dos servizos técnicos, no que non traballou aínda nada tampouco o alcalde”, aclarou Javier Castiñeira en resposta ás críticas realizadas nas últimas horas por Unifoz.

O alcalde e o grupo de goberno focense “queren que todo o mundo traballe en igualdade de condicións, o que antes non se facía, e a partir de aí elaborar borradores diferentes”, explicou Castiñeira, quen tamén adiantou que “o grupo de goberno vai propoñer reducir a asignación para festas, pero este documento están sen traballar”.

O rexedor municipal considera que o portavoz de Unifoz “é unha persoa desleal e enganadora da cidadanía, porque non pode dicir que o alcalde propuxo isto, porque isto non é a proposición da Alcaldía. Este é o documento estritamente técnico, saído do departamento municipal de Intervención, para que todos traballemos en base a el”.

“Que non se poña nervioso o señor Cancio, se non quere aprobar os orzamentos que o diga claramente, pero que non conte mentiras”, manifestou esta mañá Javier Castiñeira, quen engadiu que “a partir de agora traballaremos todos, a oposición e o grupo de goberno, en elaborar un borrador coas nosas proposicións; ata agora a documentación que hai é estritamente técnica, que non conte mentiras”.

Exit mobile version