Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Burela tilda de “despótica e autoritaria” a actuación do alcalde no último pleno municipal

O BNG reuniu onte en Burela a afiliados e simpatizantes para recoller as súas achegas e propostas, de cara a enriquecer o proceso de reflexión que se está a dar na organización e que culminará nunha Asemblea Nacional que terá lugar o próximo 17 de marzo en Compostela.

Desde o Consello Local do BNG en Burela valoramos moi positivamente a xuntanza mantida, pois fixéronse numerosas e interesantes achegas por parte das persoas asistentes, contribuíndo a enriquecer o debate e a dinamizar o proceso de reflexión aberto na organización.

Este tipo de xuntanzas abertas estanse a desenvolver nas distintas localidades, encadradas dentro do programa #proponconnosco que o BNG está a promover entre a súa base social.

Por outra banda, no que se refire á política institucional, o BNG de Burela, cualifica como “despótica e autoritaria” a actuación do Sr. Alcalde no último pleno municipal celebrado o pasado xoves. O Sr. Barcia demostrou unha vez máis que antepón os intereses do seu partido aos intereses e necesidades reais dos veciños e veciñas de Burela, como quedou de manifesto no rexeitamento de todas e cada unha das mocións presentadas polo Grupo Municipal do BNG.

Ao PP de Burela parece importarlle pouco ou nada a seguridade dos nosos traballadores e traballadoras do mar, aínda que recoñeceu “un problema puntual” no caso da percebeira de Noia, falecida polo retraso dos servizos de salvamento marítimo, servizo que era de titularidade pública e que a Xunta de Galiza ven de adxudicar a unha empresa privada, que ademais cobrará aos mariñeiros polos servizos realizados. O Sr. Barcia tamén recoñeceu que “neste momento non se conta con pilotos formados para realizar labores de salvamento”. Para o BNG, a perda de vidas humanas non é “un problema puntual”, é algo moi serio e que desgraciadamente coñecemos moi de preto en Burela, polo que imos seguir a demandar uns servizos de salvamento públicos, eficaces e gratuítos para minimizar no posible os grandes riscos que implica o traballo no mar.

O PP de Burela tampouco foi capaz de asumir a proposta presentada pola Plataforma de afectados polas preferentes e subordinadas da Mariña, rachando co consenso acadado noutros concellos da Mariña, moitos deles gobernados tamén polo PP. O Sr. Alcalde, non contento con rexeitar esta proposta, presentou unha moción do seu propio partido como “proposta de alcaldía”, o que demostra que ou ben non distingue entre cargo orgánico e cargo institucional, ou ben esquece que é o alcalde de todos e todas, e non só dos votantes do PP. O grupo municipal do BNG defendeu a moción proposta pola Plataforma, para que se continúen as arbitraxes ao ritmo que se estaban facendo até as eleccións galegas, para que non se impoñan as quitas e se devolvan o 100% dos cartos investidos.

Tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento de Galiza, o BNG ten reclamado a impugnación do decreto que permite “expropiar” os cartos das preferentes. Tal e como ten manifestado o Bloque desde as diferentes tribunas públicas e institucionais, non é de recibo a saída que se lle dá a este colectivo, a de impoñer unha quita que pode chegar até o 70 por cento dos cartos investidos e abonar o resto en forma de accións, accións que no caso dos que subscribiron as preferentes coas antigas caixas galegas non poderán vender porque Nova Galicia Banco está intervida.

O Sr. Barcia tampouco se mostrou moi dialogante nas preguntas realizadas pola portavoz do BNG, Neves Cando, e non quixo aclarar os motivos das viaxes polas que pasou 7.286 € en dietas desde xaneiro a novembro de 2012. Sabemos que foi a Madrid facer unha foto coa ministra Ana Pastor, mais aínda non sabemos que xestións fixo nesa reunión nin que beneficios acadou para Burela. O grupo municipal do BNG xa ten formulado preguntas neste sentido ao Sr. Alcalde, incluso por escrito, sen que este teña dado ningunha resposta ate o momento. Aínda que no pasado pleno o Sr. Alcalde xa nos deixou claro que vai contestar “se lle dá a gana”.

Esta é a actitude do Alcalde, unha actitude “soberbia, prepotente e despótica”, antepoñendo sempre os seus intereses partidistas aos da maioría dos veciños e veciñas. Desde o BNG de Burela continuaremos a demandar unha política que procure o benestar de todos os veciños e veciñas.

Exit mobile version