Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz comproba que os orzamentos do ano pasado eran irreais e traerían máis déficit ao Concello

“É grave que a 31 de decembro de 2012 haxa obrigas pendentes de pago por valor de 1.547.587 €” afirma Basanta.

Foz, 21 de febreiro de 2013.- A raíz da liquidación dos orzamentos de 2012 presentada polos servizos de Intervención do Concello de Foz, o BNG ten que manifestar que tiña razón cando afirmaba –na sesión de debate e aprobación do orzamento do ano pasado- que eran uns orzamentos pouco realistas e cribles desde o punto de vista da súa exección, que afondaban nos recortes sociais e salariais a conta de privatizar servizos e contratar empresas externas de forma pouco transparente.

Se repasamos as partidas de ingresos vemos –como advertira o BNG- que houbo un desfase importante debido principalmente a que estaban feitos en base non ao recadado (criterio de caixa) senón aos dereitos recoñecidos en exercicios anteriores. Así as previsións de ingresos por parte do goberno do PP eran de 5.911.000 euros e os dereitos recoñecidos de 6.408.410 euros pero só se recadaron 5.345.682 euros. É dicir houbo un desfase na recadación de 1.062.728 euros menos do orzamentado que supón un 16,5 %.

Se revisamos as partidas de gastos o que nos atopamos non é nada mellor. A previsión de gasto de 2012 estaba nos 5.911.300 euros para equilibrar as contas. As obrigas recoñecidas netas foron de 5.879.499 euros dos que quedan sen pagar a 31-12-2012 (obrigas pendentes de cobro) nada menos que 1.547.587 euros, é dicir, máis do 26% do recoñecido. Coa falta de previsión e de control do gasto deste goberno seguimos polo tanto acumulando máis débeda a provedores.

Para sumar a esta situación debemos de sancionar que o Goberno Municipal teña fóra de contabilidade case 250.000 euros que corresponden a facturas non recoñecidas aínda e que habería que sumar á débeda total do Concello. Isto quere dicir que unha parte importante dos gastos realizados están fóra do orzamento anual e non teñen partida orzamentaria o que a todas luces é ilegal. A maiores, o pago das facturas, antes e agora, non seguen a orde de prelación legal, é dicir, que non se trata a todo o mundo por igual.

Tamén hai que botarlle en cara ao grupo de goberno que non está a cumprir coa obriga de prazos no pago das facturas por parte do Concello, incumprindo a normativa legal vixente que estaba establecido en 40 días. Segundo o informe de Intervención do último trimestre do ano pasado, o tempo medio de pago no Concello de Foz no ano 2012 foi de 222 días e o período medio do pendente de pago excedido foi de 356 días, é dicir, case un ano.

O BNG fai unha crítica moi dura as políticas económicas do Concello pois é incapaz de facer uns orzamentos adaptados á realidade, que non sigan xerando máis débeda ao Concello e que sexan dirixidos a manter, ampliar e mellorar os servizos públicos esenciais aos veciños e veciñas. O BNG insta ao PP a preocuparse máis por controlar o gasto (había 60.000 euros en festas e gastouse 122.997, máis do dobre) e ingresar máis (aplicación do IBI á igrexa como ten aprobado o pleno) e preocuparse menos en contratar de forma pouco transparente empresas externas ao Concello para facer traballos que ben poderían facer o persoal municipal.

Exit mobile version