Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Lourenzá considera que o PP “recúa” ante a presión da Plataforma de Afectados polas Preferentes e Subordinadas da Mariña

O GOBERNO LAURENTINO RECÚA ANTE A PRESIÓN DA PLATAFORMA DE AFECTADOS POLAS PREFERENTES E SUBORDINADAS DA MARIÑA

Lourenzá, 15 de febreiro de 2013. O goberno laurentino encabezado pola alcaldesa Dna. Emma Álvarez Chao non tivo máis remedio que recuar no día de hoxe ante o descontento social mostrado pola “Plataforma de afectados polas participacións preferentes e subordinadas da Mariña”. A destacar que pese a que a xa mencionada plataforma de afectados rexistrara no concello un escrito con data 17 de xaneiro pedindo entre outras cousas o reembolso do 100% do seu capital aportado nestes produtos, o equipo de goberno fixo caso omiso e presentou a súa propia moción que implica quitas de grande importancia no capital inicialmente aportado, manifestando claramente a súa intención de acatar o dito pola Xunta de Galiza aínda que isto implique unha vez máis roubar aos cidadáns. Cidadáns, que contrataron estes produtos por medio de enganos como xa quedou suficientemente demostrado e pretendendo agora cubrir as débedas dos investidores cos activos dos aforradores.

Segundo a opinión do BNG laurentino supón un autentico esperpento que o PP tente xustificar este acto aducindo que non tiñan coñecemento dos feitos ou ninguén falou con eles directamente , cando estes son motivo de portadas de tódolos xornais e cando a moción presentada pola plataforma de afectados está a ser aprobada por “unanimidade” en case tódolos concellos da Mariña. Neste senso se expresou o voceiro nacionalista laurentino César Docampo: “Non é de recibo que o equipo de goberno ignore a petición presentada pola Plataforma de afectados polas preferentes e subordinadas da Mariña que foi presentada neste concello o 17 de xaneiro, non a leve a pleno e incluso presente unha contraria a ela para logo debido a presión social recúe, retire a súa propia moción, acepte a da plataforma e logo se absteña á hora de votar, isto é de chiste!!!”

O BNG de Lourenzá considera que o PP voltou a mostrar claramente neste concello que prioriza os intereses de partido sobre os intereses da cidadanía, desprezando sen ningún tipo de reparo a proposta presentada pola plataforma e só retrocedendo ante unha presión social que lles pode facer perder o seu status.

Por último dende o BNG de Lourenzá queren felicitar á Plataforma de afectados polas preferentes e subordinadas da Mariña, pola súa dedicación e perseveranza, pois quedou sobradamente demostrado que son os únicos artífices do resultado acadado no pleno celebrado no día de hoxe en Lourenzá.

Exit mobile version