Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pedirá no Congreso solucións para a flota dedicada á captura da cabala

A Mariña, 22 de febreiro de 2013. Antonio Veiga, responsábel comarcal do Bloque Nacionalista Galego na Mariña, anunciou, esta mañá, que a súa formación pedirá no Congreso dos Deputados un reparto de cotas máis beneficioso para a flota galega de cabala, cuxo tope establecido pola UE para este ano é inferior ao de 2012, o cal é considerado polo propio sector como insuficiente.

Dende o BNG urxen ao Goberno do Estado a acadar un acordo inmediato para establecer un novo sistema de reparto das cotas do caladoiro Cantábrico Noroeste e evitar que a flota estea parada máis tempo asumindo cuantiosas perdas económicas.

Neste senso, Veiga recordou que “a cabala é unha das especies máis importantes para a flota galega e, especialmente para a da Mariña, polo que é imprescindíbel que o Goberno central teña en conta esta circunstancia e facilite acadar un acordo que amplíe os límites de captura.”

“Estamos de acordo –continuou o responsábel nacionalista – en que o carácter emblemático da pesca de cabala obriga a manter un control de todos os buques que capturan esta especie en augas do caladoiro nacional do Cantábrico Noroeste, pero iso non pode continuar prexudicando á flota e retrasando o inicio da campaña.”

Antonio Veiga alertou da destrución de emprego que podería producirse se non se ofrecen solucións concretas e inmediatas en canto tamén o sector de transformación vinculado á pesca de cabala, que da traballo a máis de 400 persoas na comarca, está a resentirse pola redución dos cupos e o retraso do inicio da campaña. “Tendo en conta que A Mariña é unha das comarcas nas que máis se está incrementando o desemprego, a busca de solucións para a pesca da cabala e a industria de transformación debe ser un exercicio de responsabilidade do Goberno central.”

Exit mobile version