Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS nomeará o sábado socio de honra ó deportivista Fran

O Burela FS Pescados Rubén nomeará socio de honra o ex–xogador do RC Deportivo de La Coruña, Fran, referencia por excelencia da canteira e da etapa dourada do club herculino, imaxe da superación deportivista, cunha Liga, dúas Copas do Rei e tres Supercopas, ademais de vivir o xúbilo do ascenso a Primeira.

Vinte e cinco anos despois do seu debut de branco e azul, Francisco Javier González Pérez (Ribeira, 1969), un dos mellores futbolistas galegos da historia, compartirá un partido en Vista Alegre coa base da ED EON Burela FS e doutros colectivos da Mariña, despois das citas de Deporte Escolar a partir das 12.45 horas, con tempo tamén para unha sinatura de autógrafos. Pola tarde, coincidindo cun dos fénomenos da tempada, o enfrontamento de liga entre o Burela FS e o FC Barcelona Alusport (19.30 horas), o ex do Superdépor fará o saque de honra do encontro e recibirá do club a acreditación de socio honorífico.

O sábado Fran entrará a formar parte da historia da entidade laranxa, incorporándose a unha lista que a familia do Burela FS garda con sumo custodia e agarimo, que ten o privilexio de contar entre os seus socios de honra con outras figuras relevantes do deporte, dentro e fóra da maxia do fútbol sala: o futbolista canarinho Ronaldinho (2006), o ciclista Óscar Pereiro (2007), o ex–internacional Javier Orol (2007), o xornalista Terio Carrera (2009) e o seleccionador da Vermella, José Venancio López (2011).

Exit mobile version