O Campionato de Tute e Parchís para mulleres comezou a disputarse esta semana na Casa da Cultura de San Cibrao, onde todas as tardes se reúnen as participantes para xogar as súas partidas. Un torneo no que están inscritas 20 mulleres, que se enfrontan entre elas por parellas.
Este campionato, convocado pola Concellería de Igualdade de Cervo, enmárcase nas actividades previstas para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Unha data que o Concello celebrará o día 9 de marzo, día elixido para realizar a entrega de premios ás parellas gañadoras, consistentes en trofeos para as tres primeiras clasificadas no campionato de Tute e para as tres primeiras no de Parchís. Ao mesmo tempo, a delegación está inmersa xa na preparación do programa completo de actos para ese día, no que traballa o Concello xunto ás asociacións de mulleres do municipio e que será presentados nos próximos días.
A edil de Igualdade, Pilar Armada, asegura que “é importante seguir celebrando o Día Internacional da Muller Traballadora como unha data para a reivindicación e a concienciación en contra da discriminación e en prol da igualdade, unha loita na que se ten avanzado moito pero na que aínda quedan pasos que dar”.