Burela, 18 de febreiro de 2013. O comité organizador de Expomar ultima os detalles da XV Feira Náutico Pesqueira que se celebrará do 23 ao 26 de maio na nave de redes. Esta tarde celebrouse unha xuntanza nos locais da Fundación Expomar.
Si na pasada edición, celebrada en 2011, estiveron presentes en Burela máis de 70 expositores representando a 300 marcas, “este ano agardamos repetir esas cifras. Nestes momentos xa están vendidos o 85% dos espazos destinados a este fin e agora estamos en contactos e pendentes de resposta dunhas poucas firmas. A Feira Expomar está xa moi definida”, segundo explica o alcalde, José Mª González Barcia, e presidente da Fundación Expomar.
Nas vindeiras semanas rematarán tamén de perfilarse os nomes dos poñentes que acudirán ás XX Xornadas Técnicas, “niso estamos a traballar ao igual que no XIV Encontro Empresarial”, engaden desde o comité organizador e lembran que “se trata do maior encontro empresarial que se celebra en toda España, xa que acoden de todo o litoral norte (Galicia, Asturias, Euskadi) e tamén doutros puntos da xeografía nacional, que ás veces representados por Cepesca”.
A Feira Náutico Pesqueira Expomar “é un evento de pequeno formato, que está á altura ou se pode comparar con outras citas de maior tamaño. Así o amosa o prestixio acadado ao longo dos anos en todo o país. Somos unha referencia e estamos moi orgullosos por elo”, segue a relatar González Barcia.
Forman parte do comité organizador da Feira Náutico Pesqueira Expomar: o Concello de Burela, a confraría de pescadores, Absa, OPP 7, a xefatura territorial de Pesca e a Capitanía Marítima de Burela.