Site icon Crónica3.com A Mariña

O equipo de goberno de Burela amósase “sorprendido” de que a oposición non apoiase a moción popular de revisión das tripulacións mínimas

O EQUIPO DE GOBERNO AMÓSASE SORPRENDIDO DE QUE A OPOSICIÓN NON APOIASE A MOCIÓN POPULAR DE REVISIÓN DAS TRIPULACIÓNS MÍNIMAS.

Burela, a 1 de febreiro de 2013. O pleno da Corporación Municipal celebrado onte xoves en Burela tratou un total de sete mocións, das que só unha foi aprobada, en concreto a presentada polo equipo de goberno solicitando a revisión da normativa das tripulacións mínimas. O alcalde, José Mª González Barcia, destacou a colaboración cidadá para a limpeza de solares. Os populares aseguran que a desaparición do GMIR contémplase no Pacto Local que asinou Emilio Pérez Touriño no ano 2005.

Sobre a moción das tripulacións mínimas, os membros do equipo de goberno quedaron sorprendidos porque “os grupos da oposición non a apoiaron, o que significa que descoñecen o sentir do propio sector e as súas demandas. Resulta sorprendente porque nós o que fixemos foi trasladar ao pleno as súas demandas, sobre as cales hai conversas nestes días entre Marina Mercante, Pesca, a Consellería de Mar e o propio sector. E engadiron que “resultou delirante escoitar ao Sr. Llano como se fose un auténtico entendido na materia; e tamén resultou delirante ver aos grupos da oposición votar en contra da gratuidade do salvamento marítimo para os profesionais do mar”.

Os populares aprobaron cos seus votos unha enmenda a unha moción de apoio aos afectados polas preferentes. Os populares recollen na súa enmenda o acordo adoptado polo PP e o PSOE en Madrid, e céntranse nos aforradores e non nos grandes inversores; ademais, piden a continuidade da arbitraxe, a retirada das quitas, e a xustiza gratuíta, todo elo para os titulares de preferentes considerados aforradores. O texto aprobado polo PP non difire substancialmente da parte dispositiva solicitada pola Plataforma de Afectados.

No que se refire ás demais mocións, o Equipo de Goberno presentou enmendas a todas elas, enmendas que foron aprobadas. O rexedor destacou tamén a colaboración cidadá para a limpeza de solares.

GMIR

Finalmente, desde o equipo de goberno queren deixar claro que “a desaparición do GMIR é consecuencia directa o Pacto Local que asinou Emilio Pérez Touriño como presidente da Xunta. No seu momento, no ano 2005, o Pacto Local asinado por Touriño xa indicaba con claridade que os GMIR rematarían as súas funcións en 2012. O PSOE burelés podía tranquilamente mediar ante a Deputación Provincial de Lugo, para que, igual que fan as outras tres Deputacións galegas, aporten fondos para a conservación dos GMIR”.

Exit mobile version