Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno municipal de Foz presenta a proposta de orzamento cunha partida de 80.000 euros para un plan de emprego

A PROPOSTA DE ORZAMENTO MUNICIPAL PARA ESTE ANO, QUE PRESENTA HOXE O EQUIPO DE GOBERNO, CONTEMPLA REDUCIR A PARTIDA DE FESTAS ATA 60.000 EUROS E DESTINAR 80.000 PARA UN PLAN DE EMPREGO. O ALCALDE CONFÍA EN APROBAR UNS PRESUPOSTOS CONSENSUADOS COA OPOSICIÓN.

Foz, 21 de febreiro de 2013. Na primeira xuntanza de portavoces para traballar na elaboración dos orzamentos do Concello de Foz para este ano 2013, reunión que se celebra a partir das nove desta noite, o grupo de goberno, representado polo alcalde, presenta unha proposta, que “está adaptada evidentemente ás circunstancias económicas do Concello e á lei de teito de gasto, que este ano elimina 200.000 euros máis dos orzamentos dos que había o ano pasado, que xa foi moi difícil e no que o capítulo de gastos era de 5.960.000 euros”, explicou Javier Jorge Castiñeira.

O rexedor municipal adiantou que para este ano o Concello focense “dispón de 5.750.000 euros e por iso hai que tratar de reducir certas partidas e de priorizar os gastos máis importantes do Concello. En xeral a redución de partidas farase en todas aquelas nas que o grupo de goberno, coñecedor da situación de cara área, se pode reducir, aínda sabendo que o borrador que propuxo inicialmente o interventor era xa bastante axustado”.

Tamén comentou que a proposta do equipo de goberno “contempla varias reducións, pero a máis importante é a da partida de festas, que queda en 60.000 euros. Tamén se recorta a partida de gasto en alumeado público, dentro do capítulo de combustible e enerxía. No gasto de depuración contemplábase a actualización total do contrato e das facturas, algo que de momento, ata que se aprobe no pleno, non corresponde e polo tanto tamén reducimos algo esa partida e outras que existían a maiores pero que non se estaban esgotando”.

Javier Castiñeira anuncia ademais que a proposta do goberno local contempla a redución en gastos de actos culturais, porque “hai que tratar de tirar de prioridades” e aclara que “tratamos de manter o cen por cen das axudas que se estaban dando a asociacións e clubs, porque cremos que é importante pois están pasando un momento complexo”.

O alcalde destacou que na súa proposta “as partidas correspondentes aos gastos do goberno municipal son as menores dos últimos dez anos” e engadiu que “se trata de poñer enriba da mesa algunha das cousas que faltaban, como inversións en camiños parroquiais na rede municipal, aínda que son pequenas, e tamén outros gastos diversos para obras. E sobre todo tratar de contemplar unha subvención de 7.000 euros para a asociación de discapacitados, que ata agora non a cobraban”.

No borrador que presenta o equipo de goberno figura así mesmo “unha compensación para os traballadores municipais polo non cumprimento da RPT con unha pequena partida para a suba de produtividade de 17.000 euros. Ademais contémplase un contrato para o mantemento de xardíns urbanos debido a falta gravísima de persoal de xardinería, que non se pode cubrir actualmente pola propia lei. Resérvanse 80.000 euros para un plan de emprego municipal e tamén un pequeno pago para o contencioso das licencias, que saíu de forma positiva no xulgado”, explicou Castiñeira.

Por todo isto o rexedor municipal de Foz considera que a proposta de orzamento que presenta “cumpre cos requirimentos da oposición, tratar de compensar a RPT dalgunha forma, aínda que non chegamos ao global, que eran case 100.000 euros e a suba que se propón son 17.000 euros na partida de produtividade, pero xa é un esforzo moi grande. E o esforzo maior é plan de emprego municipal, con 80.000 euros”.

O alcalde espera que os grupos de oposición “saiban valorar este esforzo, que fan os cidadáns de Foz, non o equipo de goberno, e chegar a uns orzamentos consensuados”.

Exit mobile version