Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo socialista de Foz insta ao alcalde a apoiar a súa proposta de ubicar a Edar en Forzán

Dende o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Foz, como grupo maioritario da oposición, coa fin de asumir a nosa responsabilidade como tal, instamos ao Alcalde e ao Equipo de goberno focense a apoiar a nosa proposta de ubicación da nova EDAR en Forxán.

O noso Grupo é consciente da urxencia en dar solución ao problema existente na actualidade en Foz, debido á insuficiencia de capacidade da Depuradora ubicada no Porto, o que ocasiona a conseguinte contaminación da nosa ría, así coma certos cheiros de maneira ocasional.

Así mesmo, nos consta a necesidade de retirar a Depuradora actual do núcleo urbano, debido á proximidade de esta con numerosas vivendas, e ás conseguintes molestias que dito feito está a ocasionar aos veciños debido ao seu deficiente funcionamento.

Trala reunión mantida nos pasados días entre os portavoces políticos dos distintos grupos da Corporación focense co Director de Augas de Galicia, o noso Grupo segue considerando que a mellor opción é a de ubicar a EDAR en Forxán, tal e como se defendeu polo anterior Goberno municipal, pois se ben os técnicos afirman que o impacto paisaxístico e visual da ubicación en Sarrido é minimamente menor, nos parece que este criterio é demasiado subxectivo como para servir de argumento para concluír que a alternativa de Sarrido é a mellor opción, e discrepamos totalmente de dito criterio, debido á proximidade de varias vivendas nesta zona.

Ademais, queremos reiterar unha vez máis que a parroquia de Fazouro xa dispón dunha EDAR propia nas proximidades da zona de Sarrido, Depuradora que conta con capacidade máis que suficiente para atender as necesidades dos seus veciños e que ten por diante varios anos de vida útil, polo que a opción de suprimila suporía un derroche que non podemos permitirnos nos tempos que corren.

Polo exposto, dende o Grupo Municipal Socialista de Foz instamos ao Alcalde e ao Equipo de Goberno a que apoien a nosa proposta de ubicar a EDAR en Forxán, coa finalidade de dar solución sen máis demora aos problemas existentes debido á insuficiencia de capacidade da Depuradora actual, e solicitamos que se axilicen os trámites para a construción da nova EDAR, pois esta xa debería terse iniciado no ano 2008, cando a Xunta paralizou o proxecto anterior sen dar explicacións, pese a estar moi avanzado.

En definitiva, os concelleiros do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Foz, como grupo maioritario da oposición, asumimos a nosa responsabilidade e defendemos a opción de ubicar a nova EDAR en Forxán, tendo en conta que nunha instalación ben explotada non teñen porque producirse molestias para os veciños, aproveitando para recordarlle ao Sr. Castiñeira que o consenso político non consiste en tratar de impoñer aos demáis grupos a súa postura, e instándoo a apoiar a nosa proposta na procura dunha áxil solución.

Exit mobile version