O PP confirma unha única área sanitaria
PSOE e BNG aprobaron esixir á Xunta que manteña as áreas sanitarias de Monforte e A Mariña con todas as súas competencias, servizos, especialistas, así como as condicións laborais dos seus traballadores. O PP lugués abstívose na votación da moción presentada polo Goberno Provincial ó tempo que confirmou, durante a súa intervención no Pleno deste martes, que o Executivo autonómico si creará unha Área de Xestión Sanitaria Integrada en Lugo.
Autovía Lugo-Santiago
Tampouco o Partido Popular quixo demandar ó Executivo Central que impulse a execución da Autovía Lugo-Santiago cunha dotación económica que permita acelerar a posta en marcha da A-54, “vital para a vertebración da Galicia interior”. Socialistas e nacionalistas sacaron adiante en solitario esta moción coa que a Deputación tamén esixe a Fomento que arranxe os desvíos por estradas provincias danados como consecuencia das obras.
Lei de Emerxencias
O Goberno Provincial votou en contra dunha moción presentada polo Partido Popular para habilitar un fondo que atenda obras de emerxencia ó ser esta unha cuestión que xa contempla a Lei de Emerxencias de Galicia de 2007. Os voceiros provinciais socialista e nacionalista, Manuel Martínez e Mario Outeiro, respectivamente, explicaron á voceira popular, Elena Candia, que con anterioridade ambos partidos políticos tamén presentaron varias inciativas neste senso que foron respostadas polo anterior Goberno galego coa creación desta normativa e cun programa de medidas específicas de actuación nesta materia. O actual Executivo autonómico, que xa non ten en marcha o paquete de accións de colaboración do Bipartito, mantén a Lei de Emerxencias que establece que as compentencias nesta materia son da Xunta, a través da Axencia Galega de Emerxencias. Martínez sentenciou “non pretendan, ó igual que fan cos servizos sociais, que a Deputación tamén neste caso asuma as competencias do Goberno galego. Diríxase en todo caso ós seus compañeiros na Xunta ou ben péchena porque ós lucenses non lles vale para nada. Están delatando ós seus compañeiros”.
O PP ten que retirar a súa moción
O Partido Popular tivo que retirar a moción na que reclamaba á Deputación que remitise ó Sergas os certificados sobre os servizos prestados para a institución luguesa polos traballadores dos hospitais San José e San Rafael logo de comprobar que o organismo lugués non poden enviar esta documentación ata que a Xunta non lle remita en primeiro lugar os expedientes destes profesionais. O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, lembrou que no convenio que Xunta e Deputación de Lugo ratificaron para a transferencia dos hospitais provinciais acordouse remitir ó Sergas todos os expedientes dos traballadores transferidos.
José Luis Raposo, novo Deputado