Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo presenta unha moción co gallo do día da muller traballadora para instar a elaborar plans de igualdade

O Grupo Municipal Popular, ao amparo do disposto nos artigos 91.4 e 97 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais presenta ante o Pleno da Corporación Municipal esta MOCIÓN

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Como puxo de relevo a Carta Europea da Muller: “A discriminación, os estereotipos educativos, a segregación do mercado laboral, o emprego precario, o traballo a tempo parcial involuntario e a distribución desequilibrada de responsabilidades dos coidados familiares con respecto aos homes afectan ás opcións de vida e á independencia económica de numerosas mulleres”.

É indiscutible que a igualdade entre mulleres e homes ten un impacto positivo no crecemento económico, no emprego e na produtividade das empresas, e é imprescindible para mellorar as taxas de emprego, a competitividade e a cohesión social.

Malia que se produciron avances, as mulleres aínda teñen baixas taxas de actividade, traballan máis a tempo parcial que os homes e abundan máis nos traballos e sectores menos valorados, en xeral están peor remuneradas e ocupan un número menor de espazos de responsabilidade no ámbito laboral.

A discriminación salarial é un dos máis flagrantes exemplos da desigualdade entre mulleres e homes que, aínda hoxe, persiste no mercado laboral.

Existe unha brecha salarial entre homes e mulleres. En España as mulleres perciben un salario anual en torno a un 20 por cento inferior ao dos homes por traballos iguais ou de igual valor.

Ademais, as dificultades de conciliación no ámbito laboral e familiar seguen afectando en maior grao ás mulleres, e son moitas as que se ven obrigadas a renunciar a proxectos persoais e laborais.

Mulleres e homes deben ter as mesmas oportunidades de desenvolver o seu proxecto vital e de facelo en condicións de igualdade.

Debemos progresar no desenvolvemento dun modelo de organización social máis aberta.

Por todo o anterior, o Grupo Municipal do Partido Popular no concello de Ribadeo eleva ao Pleno a adopción dos seguintes acordos:

– Instar aos concellos de Galicia a elaboración e desenvolvemento de plans de igualdade e a impulsar a tranversalidade de xénero no eido local de xeito que se garantan políticas públicas das que mulleres e homes se beneficien de forma equivalente e contribuíndo ao progreso e benestar da sociedade galega.

– Instar ao Goberno do Estado e ao Goberno da Xunta de Galicia a que leven a cabo Programas de apoio empresarial a mulleres co obxectivo de fomentar o emprendemento feminino e o autoemprego.

– Instar ao Goberno do Estado a que neste ano 2013 elabore un Plan Estratéxico contra a Discriminación Salarial entre mulleres e homes co fin de identificar e erradicar a inxusta e inxustificable brecha salarial.

Exit mobile version