Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG de Lugo esixe á Xunta que respecte os dereitos de mestres e alumnos ao ampliar a rede de centros de FP

O PSdeG-PSOE de Lugo reclámalle á Xunta que explique os seus plans para a anunciada ampliación da rede de Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) e que “esta vez respecte os dereitos de mestres e alumnos” da provincia antes de tomar unha decisión definitiva. O secretario de Educación do PSdeG en Lugo, Carlos Ferreiro, lembra que o ano pasado a Xunta “recolocou mestres sen un concurso de traslados e reubicou alumnos por outros centros da cidade” de xeito “precipitado e sen contar coa comunidade educativa” cando reconverteu o Politécnico nun CIFP. “Só pedimos que desta vez expliquen os seus plans e as decisións sexan tomadas con consenso e de forma organizada”, afirma. Os deputados autonómicos Concepción Burgo e Vicente Docasar, xunto con Francisco Caamaño, veñen de rexistrar varias preguntas do PSdeG no Parlamento neste sentido.

Os socialistas presentan preguntas orais en comisión e en pleno e unha pregunta escrita na Mesa do Parlamento nas que manifestan que a última ampliación de centros por parte da Xunta foi realizada dun xeito “manifestamente mellorable” e transmiten que “o Grupo Parlamentario Socialista desexaría ser escoitado antes de que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria tome unha decisión” sobre este particular. O grupo parlamentario socialista reclama explicacións sobre “que ten pensado facer a Xunta e con que criterios” para que non se produza unha “decisión unilateral” e “unha política de feitos consumados”. Por iso queren saber se o Goberno galego terá en conta a opinión das Comunidades Educativas implicadas e se respectarán as traxectorias dos centros da rede de IES afectados antes de tomar unha decisión sobre o seu futuro.

Estas iniciativas chegan despois de que o Grupo Parlamentario Popular manifestase nunha proposición non de lei rexistrada o pasado día 19 de decembro que ten pensado iniciar “análises técnicos” para ampliar a actual rede de centros integrados. Actualmente existen en Galicia unha vintena de CIFP, dous deles en Lugo.

Exit mobile version