Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG de Lugo reúnese con SOS Sanidade Pública para a defensa das tres áreas sanitarias na provincia

IMG_1544[1]O secretario provincial de Sanidade do PSdeG-PSOE en Lugo, Miguel Rodríguez Lois, o coordinador da sectorial de Sanidade na provincia, José Luis Rodríguez e outros membros do partido reuníronse esta tarde na sede socialista con representantes e veciños integrantes da Plataforma SOS Sanidade Pública nas áreas de Monforte e Burela, para escoitar e apoiar as súas demandas como coñecedores en primeira persoa das necesidades nestas zonas. Despois da reunión, Rodríguez Lois anunciou que o partido apoiará as mobilizacións e actos da Plataforma ademais de levar iniciativas a todas as institucións _hoxe mesmo a Deputación aprobou unha moción e hai varias rexistradas no Parlamento_ para a defensa das tres áreas sanitarias na provincia ante a decisión da Xunta de integralas nunha soa que dependa de Lugo. Rodríguez Lois asegura que o obxectivo é evitar a “diminución de servizos” nas áreas de Burela e Monforte, “como xa se demostrou que sucede noutros sitios” que implantan este sistema. “Ten que quedar claro que nestes casos a calidade debe estar moi por riba da rendabilidade”, afirma.

“Non estamos dispostos a permitilo; se queren implantar a área sanitaria integrada porque ten beneficios que o fagan, pero por separado nas tres áreas de Burela, Monforte e Lugo”, incide o socialista, co que coincidiu Pilar Méndez, membro de SOS Sanidade Pública na Mariña, que pide “que cada área teña a súa xerencia” e advirte de que a diminución de servizos “non será dun día para outro, senón dun xeito progresivo e diminuirán a calidade na atención, os servizos e o número de facultativos”. Os membros das plataformas destacaron, asimesmo, as longas distancias que habería ata Lugo para os pacientes, “cunhas comunicacións que non son boas, polo que se poría en risco a súa vida”.

Distintos actos na Mariña e Lemos

Os socialistas acudirán mañá mércores pola tarde a unha reunión coa Plataforma en Burela, e apoiarán a cacerolada prevista para o sábado día 2 na Casa da Cultura do concello mariñán. Ademais, este xoves día 28 ás 20.00 horas SOS Sanidade Pública organiza un encontro informativo aberto á cidadanía na Casa da Cultura de Monforte, tal e como confirmou na reunión unha das representantes da Plataforma en Lemos, Maribel García.

Exit mobile version