Os deputados autonómicos pola Mariña e Lemos, José Ramón Val e Vicente Docasar, e o secretario de Sanidade do PSdeG na provincia de Lugo, Miguel Rodríguez Lois, anuncian que o partido organizará accións conxuntas para defender as áreas sanitarias de Monforte e Burela que se extenderán tamén a iniciativas nos concellos, na Deputación e no Parlamento. Os socialistas advirten de que a área integrada única que o Goberno galego quere aprobar en Lugo “dálle capacidade por lei á Xunta para eliminar servizos” dos hospitais da Costa e Lemos, algo que xa vén sucedendo noutros lugares onde se implantou este sistema. Por outra banda, abre a porta aínda máis á privatización da sanidade e “é un novo golpe para as zonas rurais que fomenta o despoboamento”, xa que permite os traslados indiscriminados de pacientes a outros hospitais da provincia.
Os representantes do PSdeG-PSOE en Lugo lamentan “o absoluto silencio da Xunta” ante as súas reiteradas preguntas para que expliquen cales son os seus plans para as áreas sanitarias, e critican que “parece que a decisión a teñen xa tomada, coma sempre, de xeito unilateral, ás agochadas e pasando o rodillo da maioría absoluta sen escrúpulos”. Os socialistas queren contar cos colectivos sanitarios e cos veciños coñecedores da situación para apoialos, escoitar a súa opinión e defender os servizos hospitalarios. Por iso, ante a decisión do Goberno do PP de implantar unha soa área integrada para que os hospitais dependan de Lugo, que xa parece inminente, reuniranse o vindeiro martes con representantes de SOS Sanidade Pública das áreas da Costa e Lemos.
O PSdeG lembra que a defensa destas áreas é un compromiso xa adquirido en campaña e recorda que “o PP incumpre unha vez máis as promesas feitas en época electoral, cando se comprometeu a mantelas, e volve enganar os veciños”. Os socialistas xa advertiran en datas pasadas que na memoria dos Orzamentos correspondente a Sanidade, a Xunta afirma: “No 2013 continuaremos coa implantación das estruturas de xestión integrada, unidades de
xestión clínica e coa incorporación de novos procesos asistencias integrados”, nun apartado que agocha claramente esta decisión. A isto súmanse as “cifras ridículas” de tan só 17.241 euros prevista para a dotación do hospital de Monforte nos Orzamentos da Xunta, e as dúas partidas de 50.000 e 36.800 euros para o hospital de Burela, “claramente insuficientes para darlle á cidadanía uns centros dignos”, e que “son unha proba evidente do desmantelamento que pretende o PP e dos plans de futuro que teñen para estes centros sanitarios”.