Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Burela impugna un punto da aprobación do POS referente á pavimentación da rúa dos Cotos a Ril

Dende a Comisión Executiva do PSdG-PSOE de Burela queremos informar a todos os veciños e veciñas de Burela que dende o Grupo Municipal do PSdG-PSOE de Burela vimos de impugnar o pasado día 24 de xaneiro un punto da Xunta de Goberno local de Burela na que se aproba a obra do Plan de Obras e Servizos (POS) que se denomina “Pavimentación de rúa dos Cotos a Ril” polas irregularidades que detectamos na aprobación desa obra.

Entendemos unha clara irregularidade que o Concelleiro Delegado de Urbanismo, o Sr. Manuel Valle, teña a caradura e a desfachatez de propor esta obra sendo el mesmo un dos beneficiarios desta obra ó ter unha vivenda que se vai a beneficiar da referida obra. Dende o PSdG-PSOE entendemos que o Sr. Manuel Valle non pode propor, nin votar o uso de cartos públicos dos que vai a ser beneficiario.

Estas prácticas pouco transparentes e que fan que un compoñente do equipo de goberno se beneficie de cartos de todos os veciños e veciñas de Burela teñen que ser desterradas das prácticas políticas e entendemos que ó Sr. Valle, ademais de dar unha explicación pública, non lle queda máis remedio que presentar a súa dimisión inmediata, xa que entendemos que esta maneira de utilizar os cartos públicos en beneficio propio non teñen cabida no funcionamento dunha institución como o Concello, cando dende o propio partido ó que representa o Sr. Valle se están a recortar prestacións e dereitos ós veciños e veciñas de Burela. Así mesmo entendemos que o Sr. Barcia como alcalde da localidade ten que dar unha explicación ós veciños destas prácticas.

Dende o PSdG-PSOE de Burela imos a ser belixerantes nas denuncias destes casos que entendemos que non deben de ter cabida na vida pública e manifestamos que en caso de non ter unha explicación e a asunción de responsabilidades destes feitos, reservámonos a posibilidade de elevar estas denuncias ós ámbitos xudiciais pertinentes si se incide neste tipo de prácticas por parte do equipo de goberno.

Poñemos a disposición de todo aquel que puidera estar interesado este asunto toda a documentación que demostra que todo o que aquí denunciamos é totalmente certo.

Exit mobile version