Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Burela reúnese con asociacións culturais e fala de “descontento xeral” pola falla de apoio do Concello

Dende a Comisión Executiva do PSdG-PSOE de Burela queremos informar a todos os veciños e veciñas de Burela que no día de onte (19/02/2013), vimos de manter unha reunión na sede do noso partido con diferentes asociacións culturais para coñecer de primeira man a súa situación e as axudas que están a recibir de das diferentes institucións, ó igual que temos feito fai unhas fechas coas asociacións deportivas.

As conclusións que podemos sacar desta xuntanza é o descontento xeral que as asociacións culturais teñen coa xestión cultural que se está a facer dende o Concello de Burela, a falta de tino e incluso a discriminación máis absoluta que sofren algunhas en particular. Tamén nos falaron do total falla de apoio económico por parte do Concello, e o que máis nos chamou a atención, a falla de apoio no aspecto material e o apoio institucional, apoio que non custa cartos. E dicir, a falla de apoio non só é económico senón que se ve un desprezo deste goberno cara ós actos culturais que se promoven dende as asociacións. Non contentos con todo isto, incluso lles cobran os locais municipais nos que as asociacións queren facer os seus actos e asembleas de socios.

Pola nosa parte, dende o PSdG-PSOE de Burela, ante o desplume das actividades culturais que se está a ver no noso pobo, ofrecemos o noso apoio a todas aquelas iniciativas culturais que se emprendan dende as propias asociacións, e animamos ós seus representantes a seguir loitando polo asociacionismo cultural no noso pobo e que dende ás propias asociacións se compense o deterioro cultural que está a facer o equipo de goberno. Entendemos que os veciños e veciñas non teñen porque pagar a falla de aposta cultural do Concello.

Dende o PSdG-PSOE de Burela estamos cansos de oír ó Sr Alcalde aquilo de que non se pode, que non hai cartos. Para nós é unha cuestión de prioridades e entendemos que os máis de 12.000 euros que gastou o equipo de goberno en dietas e viaxes ben se puideron empregar para axudar ás asociacións, xa que nos viaxes que se fixeron non se trouxo nin unha soa inversión importante para o noso pobo.

Por todo isto dende o Grupo Municipal do PSdG-PSOE imos a impulsar mocións nos Plenos municipais coa intención de que o goberno municipal cambie a súa maneira de ver as cousas con respecto ás asociacións e que se lles dea o apoio que se merecen todas e cada unha delas por parte do Concello, sen mirar se esta me cae mellor ou peor.

Exit mobile version