O sábado 16 de febreiro, a partir das oito do serán, vai ter lugar un concerto de ópera, oratorio e cantata no salón de Actos do Centro Cívico de Xove. O concerto contará coa participación da Coral Hospital Lugo, dirixido por Fernando Gómez Jácome, e a orquestra de Xove, todos baixo a dirección de Xan Carballal. O evento, que contará coa intervención da soprano Paloma Suanzes, é o primeiro dunha serie de tres concertos, a celebrar, ademais de Xove, en Chantada e Vilalba os sábados 23 de febreiro e 2 de marzo. O contido do concerto é unha escolma de coros e arias famosas de ópera, cantata e oratorio, dende o barroco (Haendel, Vivaldi) ate o século XX (Puccini), sen esquecer a Giuseppe Verdi, pois no ano 2013 estase a celebrar a efeméride dos 200 anos do seu nacemento. Trátase da última actividade incluída no Programa que a Concellería de Cultura do Concello organizou dentro do Antroido 2013 en Xove e que conta coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo.