Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas cervenses din que no último pleno “por primeira vez” primaron os intereses dos veciños

OS SOCIALISTAS DIN QUE NO PLENO DE ONTE POR PRIMEIRA VEZ PRIMARON OS INTERESES DOS VECIÑOS POR RIBA DO INTERESE PARTIDISTA DO PP

-Amosan a súa alegría tras aprobar a moción presentada polo GMS en defensa dos afectados polos erros nas facturas eléctricas e afirman que “a emenda do PP sumou ideas non suplantou a nosa, como de costume”

-Agradeceron ó goberno a retirada da moción dos populares xa que “contradicía a proposta da alcaldía, que debíamos aprobar para apoiar e amparar ós prexudicados polas preferentes”

CERVO, 9 DE FEBREIRO. Tralo pleno do Concello de Cervo celebrado na tarde de onte, o Grupo Municipal Socialista quere felicitar ó equipo de goberno por que “por primeira vez dende hai moito tempo escoitaron as propostas da oposición, o que quere dicir que escoitaron a unha parte importante dos veciños que levaban obviando anos”.

A emenda presentada polo Partido Popular á nosa moción, mediante a que pedíamos medidas de control por parte da Xunta de Galicia para intervir ante os prexudicados polos erros nas facturas eléctricas e compensar o sobrecusto aplicado a moitos consumidores, “tiña como única pretensión sumar esforzos e non desvirtuar ou suplantar a proposta da oposición. É un feito que agradecemos e agardamos que de agora en diante se repita a menudo”.

Neste senso, subliñan que “desta forma, a nosa proposición foi aprobada polo pleno da Corporación engadíndolle dous puntos a maiores que presentaron os compañeiros do PP. Dous puntos polos que instarán á Xunta a defender e tutelar ós afectados a través de asesoramento, formación e información e loitar para que as empresas non poidan proceder ó corte do subministro eléctrico”.

Ademais de amosar a súa satisfacción polo cambio de actitude do goberno de Cervo, queren agradecer que “aceptasen retirar, a petición do Grupo Socialista, a moción do PP que contraviña á proposta da alcaldía en defensa dos afectados polas participación preferentes. A moción dos populares era oposta a esta proposta que debía de ser aprobada pola defensa de moitos dos nosos veciños”.

Os socialistas destacan que “non lembramos unha conduta tan positiva por parte do equipo de goberno dende hai moito tempo. Desta vez, por fin primaron os intereses dos veciños sobre o interese partidista do PP”.

Exit mobile version