Site icon Crónica3.com A Mariña

Pilar Armada tilda de “oportunistas” as críticas do grupo municipal socialista sobre o estado da rúa Concepción Arenal

Pilar Armada: “O PSOE sabe que estamos traballando para arranxar a rúa Concepción Arenal”

Cervo, 18 de febreiro de 2013-A edil de Obras, Pilar Armada tacha de “oportunistas” as críticas do grupo municipal socialista sobre o estado da rúa Concepción Arenal. “O PSOE cervense sabe que estamos traballando para reparar esta vía, e outras moitas, polo que as súas denuncias non buscan máis que protagonismo”. Armada explica que “a semana pasada o encargado de obras e eu mesma estivemos examinando o estado da rúa co obxectivo de coñecer as zonas máis danadas e planificar os arranxos que son necesarios”.

A responsable de Obras considera que “é moita casualidade que visitemos esta rúa e dous días despois saian os socialistas a pedir que a arranxemos”. A edil cre que “o PSOE só busca aproveitar a xestión do goberno para anotarse un tanto”, aínda que para Armada “a política non se trata de buscar o beneficio propio, senón o común”. Polo tanto, “como os socialistas saben que estamos traballando no arranxo da rúa, deberían deixarnos facer e non buscar polémica”. Para Armada, a actitude do grupo socialista demostra “que descoñecen o concepto de lealdade institucional”.

Á marxe das críticas, Armada asegura que “o Concello é coñecedor de que a rúa Concepción Arenal precisa un arranxo, e por iso imos dispoñer as medidas necesarias para que os vehículos poidan circular en perfectas condicións, ao igual que facemos ao longo do ano e de forma continuada coas demais estradas e vías do municipio”.

Exit mobile version