Foz, 25 de febreiro de 2013. O Concello de Foz recibiu da man do enxeñeiro eléctrico a auditoría que tiña encargada. Anunciouno hoxe o alcalde, o popular Javier Jorge Castiñeira, quen explicou que é “un traballo completísimo que estaba pendente de facer e no que sacan resultados importantes do estado das instalacións de alumeado público, sobre todo. Ven a dicir que hai unha serie de anomalías e unha precariedade importante tanto nas instalacións como tamén nos contratos de subministración e mantemento”. Tamén comentou que o actual goberno municipal “herdou unhas instalacións nunha situación complexa, incluso con algúns problemas que afectan á seguridade”.
Ademais Castiñeira destacou que “esta auditoría, aparte de servir para saber as inversións que temos que facer para lograr un aforro enerxético, tamén nos vai axudar para sacar adiante o contrato de mantemento do alumeado público, que está caducado e estabamos pendentes do resultado da auditoría. E neste sentido tamén incluso veremos a posibilidade de facer un novo contrato coa empresa subministradora da enerxía eléctrica: agora é Eon pero é posible que tamén saia algo de contratación do alumeado público de Foz”.
O rexedor municipal anunciou tamén que a auditoría eléctrica “vai ser avaliada polos servizos técnicos e tratar de empezar a facer melloras, as que se poida, sen que supoñan demasiadas inversións ou financiadas con algún tipo de subvención. E vamos tratar de que o Concello de Foz siga aforrando en alumeado público, non só retirando luminarias senón tamén cambiando algúns sistemas que son moito máis caros que outros”.