Site icon Crónica3.com A Mariña

Raquel Arias destaca que Besteiro deixou perder unha axuda de 1,2 millóns para maiores e desempregados lucenses

RAQUEL ARIAS LAMENTA QUE O PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DE LUGO FAGA “DO ENGANO A SÚA FORMA DE EXERCER O GOBERNO”, PORQUE DISPUXO DA PROPOSTA DE CONVENIO DE SERVIZOS SOCIAIS NO VERÁN PASADO E EL MESMO DEIXOU PERDER A AXUDA DE 1,2 MILLÓNS QUE SUPOÑÍA

Lugo, 15 de febreiro de 2013.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, criticou hoxe que o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o seu equipo de goberno convertan “o engano na súa forma de exercer a política e a acción de goberno á fronte do ente provincial de todos os lucenses”.

A representante do Executivo galego na provincia fixo estas declaracións ao referirse ás críticas realizadas por parte de representantes do organismo provincial lucense á ausencia de colaboración en materia de servizos sociais por parte da Xunta. Arias lamentou que os representantes da Deputación acudan “ao engano sen ningún pudor”, porque, segundo recordou, a Deputación de Lugo dispuxo da proposta de convenio de servizos sociais e desemprego en xullo pasado.

Esa proposta, realizada nos mesmos termos e condicións que o resto de organismos provinciais galegos –que si a subscribiron de inmediato-, foi obxecto de “sucesivas largas por parte do presidente da Deputación de Lugo”, que declinou asinalo e deixou perder dese xeito “os 1,2 millóns de euros que supoñía para os maiores e desempregados lucenses”.

Arias recordou que se “instou en varias ocasións á Deputación de Lugo para que asinasen o convenio, algo que declinaron facer por vontade propia, en prexuízo dos veciños da provincia de Lugo”, pero, agora, “os representantes da Deputación de Lugo teñen a desvergoña de querer cargarlle a outros responsabilidade de prescindir duns fondos para todos os lucenses que eles deixaron perder”. A delegada territorial considerou que “a discriminación da que fala o goberno da Deputación de Lugo provócaa, en todo caso, o propio equipo de goberno da Deputación“.

Neste sentido, convén lembrar que a Xunta manifestou sempre a súa vontade de diálogo coa Deputación de Lugo, un aspecto que non sempre foi recíproco. Para falar precisamente do financiamento dos servizos sociais citouse a finais de 2011 e principios do 2012 ao seu vicepresidente primeiro, pero a reunión non tivo lugar ata o mes de xuño pasado.

Exit mobile version